
Manuel Rial, Paula Vázquez e Pablo Alvite deron a coñecer unha visión histórica e etnográfica da ponte e a parroquia zasense
02 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A lenda do Brandomil afundido está a salvo grazas ao vídeo. Proxectouse o venres no Casino 1889 un documental realizado por Manuel Rial (dirección e guión), Paula Vázquez (son e comunicación) e Pablo Alvite (fotografía e montaxe) sobre a parroquia de Zas. Máis de medio cento de persoas asistiron fascinados á lenda que os veciños maiores aprenderon de seus pais e estes dos seus avós e que explicaba o motivo polo que aparecían restos de construcións cando araban a terra. A existencia dun Brandomil antigo, asolagado sería a razón deses descubrimentos.
A película mestura esa historia coa dos especialistas, os arqueólogos e estudosos que dan fe de que o Brandomil que agora está afastado de todo era unha cidade romana importante, chea de funcionarios e probablemente o último reduto romano no occidente, cunha superficie de máis de 20 hectáreas.
O documental ten como principal mérito que preserva a tradición oral. Manuel Rial, que é especialista en comunicación do patrimonio, explica que cando xa no 2012 empezaron a traballar sobre o tema falaron con moitas persoas sobre a lenda da cidade afundida e que «ningunha delas segue viva», polo que había un risco certo de que se podía perder a lenda.
Interese
A proxección espertou un gran interese e ao rematar foron moitos os que fixeron preguntas. Varias persoas quixeron saber sobre a resposta dos veciños, para os que os descubrimentos arqueolóxicos soen ser un problema. Neste caso, explicou Manuel Rial, a maioría están orgullosos do seu pasado. Falaron sobre os miliarios e outras pezas con inscricións atopadas en Brandomil, que están repartidas por distintos museos. Houbo coincidencia importancia de poder mostrar os restos no propio lugar.