Anuncios no intermedio

CARBALLO

13 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Amin gústame ver os anuncios, na televisión e na radio, son seareira destes pequenos espazos que non deixan de ser publicidade continua, unha forma lícita de incidir nas ventas nos intermedios entre espazos audiovisuais. Coido que se observas detalladamente, podes coñecer a través dos anuncios as políticas dunha empresa, a imaxe que intentan proxectar, ou incluso a responsabilidade social corporativa que amosan.

Nos últimos meses, renego moito dos anuncios. Sobre todo, da corrente existente de querer manipular o rural como recurso fácil á hora de facer clientes. Non todo vale. Non pode unha empresa de capital público no eido servizos postais dicir que a xente nova queda na aldea cando están cerrando oficinas e rebaixando servizos na meirande parte da España baleira e esquecida. A xente xa non manda cartas, pero a subida a comezos deste ano dos servizos non semella, a priori, un aliciente alentador.

O mesmo pasa con outra empresa de telefonía móbil que tira da sensibilidade dun pai na aldea, que se comunica coa filla a través dos servizos de telecomunicacións que ofertan. Unhas vacas no decorado, un fouciño e xa temos os estereotipos para consolidar o ambiente propicio. Coma estes anuncios, máis dos que podo contar.

O rural avívase con empresas competitivas que queiran apostar pola localización, polo emprego e pola sostibilidade, porque xa se demostrou que a industria sen planificación a longo prazo resulta un fracaso rotundo.

Por iso e máis, penso que como consumidores finais temos a responsabilidade moral de ser simplemente críticos á hora de valorar este tipo de marketing que, máis aló da cortina de fume, é publicidade enganosa.

Como di outro anuncio, a vaquiña polo que vale, non?