O cambio somos nós

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

23 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando unha nena se pon ante un micrófono falando da Terra, do clima e da contaminación no mundo é unha pedante, unha fantoche. Molesta que sexa muller, que sexa nova e que conciba un discurso coherente que expón ao mundo. Os medios encárganse despois de deglutir a súa vida persoal sabendo que come, que viste e en que medios de transporte viaxa.

O Cumio do Clima pódese resumir nunha palabra: Greta. Un medio disuasorio para non debater sobre o gran reto do século XXI, a contaminación.

Mentres, sorpréndenos que os veráns sexan máis cálidos ou que os temporais deixen inundacións que non recordan veren nin os máis anciáns. A corrente negacionista persevera. É a forma conservadora de pensar que se lle pode roubar as entrañas ao planeta sen consecuencias. O petróleo, as emisións, ou a contaminación por polímeros non é un tema de alternativas, é un tema político. Esta semana, nas redes, saía a nova das multinacionais que explotan aos nenos da República Democrática do Congo nas minas para obter minerais estratéxicos como o cobalto. Todos os nosos teléfonos funcionan a través destes compoñentes. A culpa non é de Apple ou Google, a culpa é nosa e deste capitalismo que nos envolve coa falsa explicación da obsolescencia programada. A culpa é túa e miña.

Quizais a conciencia empeza por nós mesmos. Falarmos máis este Nadal e deixar de estar pendentes do móbil coma zombis. Quizais recuperando a sabedoría dos nosos avós que apenas contaminaban, uns auténticos expertos na loxística inversa. Transformar eses coñecementos en evolución, non en retroceso. Pode que esteamos abocados ao fracaso. Todo nace, vive e morre. As linguas e os seres vivos. É posible que sexamos tan necios que nin merezamos a salvación