As almas das vacas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

09 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Omaltrato animal é para min un dos pecados máis grandes do home, enténdase por home a todos os xéneros. Estes días saíron dúas noticias á palestra: o maltrato do cazador a unha cadela e o caso dun traballador gandeiro que daba puñadas cun desaparafusador a vacas.

Creo que sobran apelativos para describir o tétrico, inhumano e sádico que é o vídeo do cazador. Parece que está desprovisto de conciencia. Non obstante, sempre coa presunción de inocencia por diante, teño unhas pequenas palabras que dicirlle á persoa que malferiu a varias vacas e matou a unha.

Unha vaca ten alma. Así de simple, así de doloroso. Non hai mirada máis sentida que a súa. A través das súas pestanas longas e denegridas, os seus ollos totalmente negros contan unha historia de lealdade, de esencia. Unha vaca é un ser tan sensible que se comunica cos seus conxéneres coa simple ollada. Chega con miralas con detemento para saber da súa grandeza. Escoitar como brúan para coñecer o poderosas que son.

Eu sei de labradores que choraban cando Sanidade lles levaba as súas vacas, cando as cargaban naqueles camións, non hai tanto. Non o facían nada máis polo que representaba economicamente para unha familia un animal así, facíano polo que era para eles: unha amiga, unha compañeira no devalar das horas no campo. Unha perda irreparable.

As vacas non son parvas. Saben perfectamente quen é bo e quen é malo. Saben do teu medo cando as levas pola corda, saben todo o que sentes dende esas meniñas negras e profundas que teñen. Para un labrador, como dicía Castelao, as vacas son un símbolo de paz. Por iso e porque me criei nunha casa de labradores, a moita honra, non podo nada máis que sentir a súa dor como se fose nas miñas propias carnes.