Se saímos de ruada

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

18 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Que tempos aqueles onde se falaba de ruadas, foliadas e fiotos. Vestíanse as mellores galas e saíase ao serán ao lugar do veciño para empezar a festa. Traxe para eles e saia longa para elas. Había que andar quilómetros entre corredoiras, camiños e encrucilladas pero non importaba, a ansia da xolda era suficiente para aplacar o cansazo de todo un día no campo. Se tiñan unha besta na casa podían ir nela pero se subía o nivel do río non podían cruzar a ponte ante o medo a afogar do animal. Os máis afortunados podían levar zapatos, se eran de casa boa, os demais, por desgraza, habían de levar zocas.Coidado con pisar a algunha rapaza bonita con tal calzado.

Cada un levaba o seu propio instrumento: o tamboril, a gaita, unha botella de anís baleira e o instrumento que mais reverberaba, a voz. A voz para ir cantando namentres no palleiro se desenvolvía o xogo de miradas, as peticións para sacar a bailar ou os simples xestos de poñer o pelo detrás da orella con coquetería. Daquela, saír era un divertimento, había mozos, había pobreza e o baile en agarrado era a forma de mocear. Era un modelo sociolóxico na aldea que mudou ultimamente ante o individualismo e ás portas pechadas a cal e a canto. Agora a xente da aldea non se xunta para esfollar o millo ou contar uns contos ao cerrar da noite. Pasa en tódalas aldeas, deambulas por elas e non parecen nada máis que esqueletos sen vida.

Teño un pouco de nostalxia deses tempos, aínda sen vivilos, cando contemplo os panos e os mantóns daquelas mozas que bailaban ao son da música unha foliada coma as de antes. Claro, todo se non había loito na casa que gardar. Non era todo festa. Como di miña avoa querida, non hai mel sen aguilloadas.