O Amazonas debería arder peor

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

02 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un home que esta semana escribiu sobre os incendios no Amazonas nun prestixioso medio. Para el son unha oportunidade de progreso, seica as árbores quéimanse e volven medrar. Seica América do Sur non é máis que un puñado de tribos de caníbales, feiticeiros e bruxos renegados. Que hai que asfaltar as avenidas do Amazonas, coma se fose Nova York. Todo isto publicábao un xornal estatal, deses onde a seriedade impera.

Cando lía as súas frases, parecía que estaba lendo a un daqueles imperialistas que repartían África despois de que o Novo Mundo xa fose repartido. Aqueles que pensan que a devastación é o fío condutor da modernidade e o avance teñen un serio problema. Quen non saiba apreciar a fraxilidade e a grandilocuencia dunha flor, as cores dos seus pétalos, a vivacidade da súa cor e o simple milagre da vida, ten unha alma déspota que lle impide gozar das cousas verdadeiramente importantes.

As vacas non son as culpables do cambio climático. Tampouco os raios o son dos incendios provocados. Somos a humanidade, que temos a característica intrínseca de querer posuír todo ata a súa destrución.

Cando xa non teñamos árbores, comeremos plásticos, metais pesados ou residuos. Cando todo sexa deforestación non teremos nin aire limpo que encha os nosos pulmóns ata os alvéolos. Entón, nese intre, saberemos que o maior legado que lle podemos dar aos nosos fillos é o amor pola vida. Cando todo sexa un planeta ocre, cheo de fume e borralla, acordarémonos do fermoso que é un ceo azul ou a tranquilidade que da mirar as estrelas no ceo nunha noite despexada. Non bastará un estado nas redes sociais para cambiar este mal endémico que é o egoísmo.