A tolerancia

Marta López AXÓUXERE

CARBALLO

09 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende pequenos ensínannos que as cousas non son brancas ou negras; que as persoas nin son tan boas, nin tan malas como aparentan; que hai matices e que todo nesta vida depende da óptica coa que se mire.

Ensínannos, tamén, que unha persoa debe ser definida polo que fai, e non polo que é ou pola súa orixe; polas decisións que vaia tomando ao longo da súa vida, e polas boas accións que deixe tras de si. Unha cara bonita pode agochar unha alma podre; do mesmo xeito que detrás dun deses rostros ordinarios, vulgares, sen nada especial, pode esconderse unha persoa ben interesante e capaz.

Ben certo é iso das primeiras impresións. E ben certo é, tamén, que aínda hai de quen pon iso de boa presenza nas ofertas de emprego, un xeito elegante de dicir: «Abstéñanse feos». Búscanse camareiras non maiores de 35 anos, estatura a partir de 1,65 e talla entre 36 e 40. «Abstéñanse gordas e vellas», poderían dicir. Detrás deses eufemismos agóchanse os mesmos prexuízos de sempre. Que se diga con palabras bonitas non quere dicir que o significado mude. A muller segue a ser un obxecto a ollos dun amplo sector social. Non é doado ser muller nestes días.

Tampouco é doado ondear a bandeira do colectivo LGTBI. Por se non fose suficiente a persecución e o escarnio público, agora parece estar de moda a transfobia. «Los niños tienen pene. Las niñas tienen vulva. Que no te engañen», rezaba o polémico autobús de HazteOír. Catro radicais, pensarían algúns. Mais, como se dun perigoso virus se tratase, este pensamento foise expandindo nos últimos anos e, só agora, somos quen de ver o seu alcance. Isto non se cura con pílulas, cúrase con tolerancia.