Deberiamos ser gardiáns

Natalia Lema Otero

CARBALLO

29 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Existen libros que desconcertan. Cada vez que se len son libros diferentes, analíticos, premonitorios incluso. Causan case que ata desasosego. Ocórreme con Salinger, por exemplo. A min pásame que cada vez estoume volvendo máis unha Holden Caufield da vida. Máis sincera, máis irascible e, por suposto, máis crítica. Despois de tantos días de noticias políticas, a sensación de frustración é xeneralizada. Vexo moi diluída a liña entre esquerdas, dereitas e centros. Etiquetas coas que nunca concordei. Non me estraña que o servizo público goce de tan pouco recoñecemento ultimamente.

Fáltanme cousas neste denominado Estado de dereito. Fáltanme mulleres que lideren, non que adornen o escenario en segunda liña por estética e márketing. Quero mulleres que cambien o rumbo do noso país, decisivas, honestas, que demostren que están pola súa valía e non polo seu xénero. Sóbranme, pois, comentarios sobre a roupa da raíña Letizia, os escotes ou os pelos das políticas.

E, por favor, quero campañas electorais reais. Quero que se fale da prostitución, da vivenda, das mulleres maltratadas, das persoas dependentes. Temas dos que ninguén quere falar cando está no equipo de goberno. Debe ser que as prostitutas e os sen teito non van votar. Menos xogos de tronos e máis realidade social a pé de rúa. Non pido moito, non?

Por iso, aínda que non me gusta Holden, ás veces identifícome con el. Aquel mozo que non cala, que di o primeiro que lle pasa pola mente, cando moitos de nós somos hipócritas e comedidos. El quería ser un gardián entre o centeo, impedindo que os nenos caesen no abismo. Se todos tivésemos un propósito tan nobre nas nosas vidas o mundo sería, cando menos, un ápice máis xusto.