Dicía Napoleón que a vitoria ten cen pais, pero a derrota é orfa. O domingo celebráronse eleccións municipais e na Costa da Morte houbo 66 candidatos, pero só 16 gañadores. Aínda non ben, porque en tres ou catro concellos, os pactos poden sentar aos vencedores nos bancos da oposición. Os soños de medio cento de aspirantes ás alcaldías quedaron esnaquizados nas urnas, esas caixiñas máxicas que o domingo semellaban un sagrario adorado por uns e outros á espera do reconto. Esa enumeración de siglas que vai soando a sentenza, liberatoria nuns casos, e condenatoria, noutros.
As eleccións locais espertan paixóns en case todos os pobos. Algúns levan ben a vitoria ou a derrota, pero outros tómano a peito e ata renegan das súas vilas. Hai candidatos que tardan anos en recuperarse da dor do fracaso. Queiran ou non, sempre se acaba buscando algún culpable. Tamén é certo que adoita haber moitas pillerías. Ese apoderado que está xunto da cabina e coloca as papeletas de cada partido de tal xeito que cando un vai votar, decátase da opción elixida ao ver como se moveu a moreíña de papeis. Cando se ve alguén que leva con moito interese a unha persoa anciá, xa xurde a sospeita de voto manipulado. Uns comicios dan para moitas anécdotas. Aquel médico fisterrán que carrexaba votantes e que denunciou a quen o contou, pero como non se dera o seu nome, a xuíza preguntábase na sentenza como demo sabía que se referían a el a non ser que fose o autor dos feitos. Ou un exalcalde conservador que cando se presentou o seu fillo polo PSOE foi o primeiro en repartir papeletas.