A corte das vacas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Todas as persoas que pasamos polo Couto estes días marchamos cun sabor acedo na boca. Sabemos que teremos que esperar outros 365 días para que a gran semana das letras volva a comezar. Din as voces e os murmurios, que ninguén se sente estraño no Couto. Alí non hai protagonistas, alí todos somos unha historia no camiño, facemos o exercicio tan sensato que se necesita ás veces: parar, desafogarnos, mirarnos aos ollos e falar da vida.

O Couto saca a relucir historias esquecidas, merecidas ofrendas ao pasado. Choramos cando escoitamos as historias de mulleres que se achegan ao salón a contar a vida de súas nais, as súas propias. Mulleres invisibles ata fai moi pouco, que foron precursoras nos seus propios eidos, que romperon barreiras para deixarlle paso a outras.

O seu non é un mérito por seren mulleres. É un recoñecemento por loitar contra os teitos de cristal. Comentáronme que o espazo de Literatas, foi, no seu día, a corte das vacas da fermosa casa.

En parte, parece que o espazo aínda está impregnado coa esencia destes animais emblemáticos por antonomasia na cultura galega. Algo que moi poucas persoas saben, é que as vacas comunícanse que, cando unha está enferma ou de parto, o resto sábeo e non deixan de bruar. Eu creo que os lugares con Historia como este gardan aínda boas vibras. A vella corte das vacas garda a esencia de lustros de desespero, de algarabía nalgúns intres e sufrimentos noutros. Estou convencida.

Por iso, non me culpen se sorrín cando nun furadiño na pedra,xunto a porta, ollei un feixe de grans de millo do país, metidos en tan recóndito lugar. Non é unha lenda que no Couto coidan ata o mínimo detalle. Parabéns