Burrocracia

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

14 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha palabra que me gusta usar para definir, coa retranca galega, o sistema no que nos atopamos actualmente. Cando predicaron que coa chegada da informática todo ía ser máis simple e directo, vemos que todo se complica moito máis. Pasado xa tempo dende que alguén definiu «a administración única», cada vez vémonos envoltos en máis trámites e requisitos, a maior parte deles inútiles.

Neste eido, hai que dicir que hai concellos nos que leva máis tempo a tramitación dunha licenza de obra que o que dura a propia actuación, unha oda ao esperpento, talvez porque os documentos teñen que atravesar moitos despachos, e vai deixando pouso en cada un deles. Cómpre sinalar que cando as cousas son tan lentas, implicitamente levan a facer as cousas á brava, sen as autorizacións, e os máis legais abúrrense polo camiño e desisten do intento.

Poñéndonos na pel dun emprendedor que comeza de cero e con moita ilusión polo seu proxecto, vemos que os constantes paus nas rodas acaban mutilando o seu espírito audaz e transformándoo no martirio de atravesar un túnel sen final.

Visto dende dentro da Administración, a informatización non só non reduciu os tempos de traballo, senón que os ampliou anormalmente. O que antes era unha simple sinatura en papel dun alcalde ou técnico, agora é un expediente que hai que abrir, delegar, agardar a que retorne, pechar e imprimir, para unha simple sinatura. Sen falar da fervenza lexislativa, que obriga aos funcionarios a consultar permanentemente para evitar calquera desatino que poida amolar o expediente.

Visto dende fóra e dentro, enténdese o lío montado.