De Dombate, catedral megalítica, a Laxe

Manolo Fraga

CARBALLO

Ana Garcia

Tribuna Aberta | «Rumores vagos e íntimos dos pinos, escribía o bardo Pondal. Cen anos despois os piñeiros saúdan aos camiñantes (...)»

21 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Rumores vagos e íntimos dos pinos, escribía o bardo Pondal. Cen anos despois os piñeiros saúdan aos camiñantes. Ledos, nesta mañá solleira de primavera, pasan por Fontefría, onde Manolo pranta repolos que comerá no verán nunha finca rectangular de escura terra.

Espéraos o monte Castelo: 312 metros. Desde a cima da ruta dos faros a visión é iniciática. A praia da Barra, protexida polo monte Branco, amósase brumosa e amable no esteiro do río Anllóns. O punto xeodésico que hai no alto goza dunha vista panorámica da ría de Corme e Laxe. A pintura mural complétase cunha sucesión de verdes e azuis salpicados pola claridade dos areais. Logo da baixada xa non hai un sinal que indique o itinerario. Certo que a web propia avisa do risco de confusión, polo que cómpre reforzar as indicacións sobre o terreo.

Tras un enoxoso tramo pola estrada en dirección a Canduas, regresamos ao monte por Tabuído. Maruxa, que está na ventá da planta baixa, exclama: «Benvidos ao paraíso!» Pola senda, de dous en dous ou en fila india, chegamos ás faldras costeiras para levar o mar nos ollos. Na ribeira de enfronte vese, partida por unhas rochas, a praia de Balarés, onde hai pouco quedou varada unha balea, atracción mamífera que provocou mareas de xente aqueles días. E a continuación, o pobo branco dos percebes. O faro, que conquistamos hai uns meses logo de andar perdidos polos cumios pantasma entre a néboa, pecha, ousado e senlleiro, a liña litoral pola dereita.

As marabillas ocultas das praias de Rebordelo e San Pedro, así como os muíños de Frexufre, onde o compañeiro Suso viña de pequeno a ducharse para quitar o sal, provocan desexos de sacar a roupa toda e saír correndo cara ao mar. Algún pensa que xa podía ser verán para quedar aquí quince días. O vento tumba os loureiros, que se deitan sobre os regueiros de auga doce. As furnas debuxan as penas e convidan a fotos perigosas. A inmensa praia de Laxe semella un espellismo: canto máis cerca, máis lonxe. Por fin alcanzamos a area, unha benzón para os pés, aínda que hoxe falta Carlos, o primeiro en bañarse.

Atrás quedan o dolmen de Dombate e o centro arqueolóxico construído para a súa interpretación, onde iniciamos a camiñada. A catedral do megalitismo galego, que foi excavada por Jose María Bello Diéguez a finais dos anos oitenta, esixe unha visita demorada. E volvendo ao ilustre veciño da pequena Ponteceso: agora que a miña cabeza branquea, aínda recordo, aínda, o dolmen de Dombate.