Mamasunción

Natalia Lema Otero

CARBALLO

07 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando lle puxen a meus avós por primeira vez Mamasunción, dixéronme que non eran actores e actrices aqueles, que non era unha película ao uso. Meus avós non ían desencamiñados. De feito, dúas das súas protagonistas, nas fichas técnicas, son Tía Lucinda e Tía Sunción, sen máis apelativos, son elas simplemente. Dúas mulleres da aldea, con profundos sucos na pel que só pode facelos unha vida escrava, de traballo e labranza.

Chano Piñeiro foi o artífice dunha produción humilde nos anos oitenta, con escasos recursos, sen un elenco profesional pero si co cariz da terra, debuxando fielmente a Galicia máis sórdida e negra. Unha Galicia onde a anciá espera a misiva do seu fillo, mesmamente como esperaba o coronel de Gabo a epístola do xeneral Buendía. O veterano da guerra aferrábase ao seu galo como único vínculo á vida e Mamasunción simplemente tiña a súa casiña, aquelas paredes vellas e a calor do lume para intentar calmar a dor polo fillo nas Américas.

Mamasunción é xa un clásico que retrata un pasado recente convulso. As realidades e as historias reais que se vivían na emigración. Mulleres que eran viúvas de vivos e de mortos, como dicía Rosalía en Follas Novas. Homes que marcharon para a Habana, Montevideo ou outro destino e que morreron alí, sen retornaren ás raíces, á matria.

É imposible analizar a Galicia dos últimos cen anos sen ollar arquivos documentais como Mamasunción, retratos fidedignos da realidade dun tempo de antano. E non sempre un tempo pasado foi o mellor.

Mamasunción queimaba feixes de divisas americanas no lume iracundo do seu fogar, en soidade, caladiña. Estaba queimado, tamén, a visión dun país que esquecía os seus fillos. Outro día falamos de Sempre, Xonxa.