Parques eólicos e xustiza enerxética

Xabier Simón Fernández OBSERVATORIO EÓLICO DE GALICIA (UNIV. VIGO)

CARBALLO

06 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os ingresos anuais que reciben os Concellos galegos pola existencia de parques eólicos no seu territorio proceden dos impostos (Bens Inmobles e Actividades Económicas) e da súa participación no Fondo de Compensación Ambiental (FCA). A contía que reciben é función do nivel de produción, no primeiro caso, e do impacto paisaxístico (medido segundo o número de aeroxeradores e a lonxitude das liñas de evacuación) no caso de FCA. Aínda sendo necesarios estudos que o analicen con maior profundidade, aparentemente eses ingresos só conseguiron transformar a política municipal no caso de poucos Concellos, naqueles onde se concentra un alto número de parques eólicos e aeroxeradores, como pode ser o caso de Muras e Ourol.

Crecer por acumulación de aeroxeradores e parques non debería ser o modelo. O repotenciamento de parques eólicos, para os Concellos, poderá ter dous efectos contrapostos: incrementar o valor dos inmobles e o volume da produción, debido á maior eficiencia dos novos parques eólicos (a nova tecnoloxía é máis eficiente), o que provocará maiores ingresos. Contariamente, a redución do número de aeroxeradores e liñas, reducindo o impacto territorial (debido á menor plena ocupación de terras) e incrementando o impacto paisaxístico (debido á súa maior altura serán percibidos desde maiores distancias) provocará menores ingresos derivados do FCA.

O cambio de modelo enerxético debería realizarse con maiores doses de xustiza enerxética: maior participación pública e capacidade de decisión nos procedementos de designación dos lugares aptos; recoñecemento do papel das comunidades locais, sempre rurais, asignándolles un papel activo; apertura, e impulso, da participación desas comunidades (e tamén dos concellos) na promoción de investimentos renovábeis e eólicos, e un reparto máis xusto do negocio xerado. Nada disto se contempla no modelo vixente. A clave non se vincula só co número de aeroxeradores. A clave é producir enerxía limpa con moita maior equidade.

Xabier Simón Fernández.Observatorio Eólico de Galicia (Universidade de Vigo).