Cando a Paltrow recomenda aldeas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

31 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A aldea de Muiñovedro, en Riotorto, nunca foi tan soada. Nin nos seus mellores tempos. A Gwyneth Paltrow non se lle ocorreu mellor idea este Nadal que recomendar como agasallo unha aldea galega. Desculpen a analoxía forzosa, pero o caso aseméllaseme moito a eses pais que lles mercan aos seus fillos un canciño nesas festividades para acabar na rúa despois de reis.

Eu recomendaríalle a Gwyneth que revisase con profundidade o concepto de aldea. Así, daríase conta de que é imposible vender unha aldea, traspasala de mans ou mesmo agasallala. As aldeas son as casas, por suposto, pero son máis que nada a xente, os veciños, a cultura intanxible e patrimonial que vai implícita no termo.

Non se pode vender algo que non só é patrimonio material, entende, Gwyneth, que non todo o que existe se ve. Vender aldeas non é o mellor aliciente para que se repoboen. Confeso que aínda máis curiosidade me produce toda esa xente que loou a esta estadounidense por recomendar unha aldea. Só faltaba un slogan ao máis estilo do tío Sam: quérote a ti para que compres unha aldea en Galicia. Cómpre dicir que o tío Sam sempre me pareceu unha personaxe moi mediocre para o verdadeiro sentido patriótico.

Quizais, se non desprezásemos as nosas aldeas non nos parecería tan inaudito que tivesen proxección internacional, sen intermediarios. Polos seus méritos e non pola especulación. A aldea que compraron estes anglosaxóns será o lugar de descanso dunha familia no verán. A hexemonía das propiedades e a ambición de coleccionar. Unha aldea galega non se pode comparar cos ítem da túa lista de agasallos, como son un jeep ou un xogo de cuncas de té.

Gwyneth, unha aldea vale infinitamente máis do que ti ou calquera pode pagar.