«O Nadal para min está marcado si ou si, para o bo e tamén para o malo»

Armando Soneira, modelo e actor, retornou nestas datas a Galicia e ao seu Fornelos natal para estar con familia e amigos


Carballo / La Voz

Nacido «no ano de Naranjito», o 1982, Armando Soneira está vivindo agora, pasados os 35, un momento especial ou, cando menos, de cambio. Hai cousa de tres ou catro meses que se mudou a Madrid, pero entre as súas viaxes, idas e vidas, sempre hai un lugar para o seu Fornelos natal, en Baio, adonde veu precisamente pasar este Nadal. Aquí estará ata o día 2.

Quizais o lembren dalgún papel en Serramoura ou en Matalobos, pero tamén ten sido elixido como imaxe do ano por unha liña de cosmética asturiana, ER (2013), ou mesmo home de portada da revista Mad Men Magazine (2012). No 2014 volvería a estas páxinas por ter sido imaxe do vídeo promocional do libro Adivina quién soy, de Megan Maxwell. Son pequenas pinceladas de traxectoria.

 -¿Que anda a facer en Madrid?

-Estudo na escola de Raquel Pérez [Formación Actoral] e a parte tamén ando facendo un cursos de voz e movemento. Distintas cousiñas, algo de publicidade...

-Imos seguíndoo nas redes, onde vimos algunha campaña súa, e tamén rostros ben coñecidos.

-Si, como a de Dolce Gusto. Vou coñecendo xente do entorno.

-¿Como o acolleu a cidade?

-Estou recén aterrizado, pero contento. Ao ser unha cidade grande na que a maioría da xente é de fóra resulta máis doado relacionarse. Estamos todos na mesma situación. Antes vivía na Coruña e desprazábame dun lado a outro. Ao principio o cambio foi algo difícil, porque deixas aquí familia e amigos, ademais do mar, que me encanta. Pero vou adaptándome e collendo unha rutina, que tamén me facía falta porque aquí facía de todo: teatro, clases de inglés, de canto... Pasei de ter todos os días ocupados a ir para Madrid sen case nada. Tendo máis tempo libre, a cabeza non para, como se adoita dicir. Pero ben, ben.

-Din que quen non arrisca non gaña, e este foi un paso adiante.

-Na vida hai que romper coas cousas, coas rutinas. Dentro de 5 ou 10 non me vou arrepentir de non telo intentado.

-¿Cantos anos van ser na escola Raquel Pérez? ¿É algo temporal?

-En principio son tres anos, e estame gustando, a verdade. Damos algo de todo: interpretación, historia do teatro, voz... Teño ademais un par de proxectos, pero ata xaneiro ou febreiro non sairán.

-¿Volver a Galicia no Nadal cadrou ou xa o tiña pensado?

-A miña idea é vir cada dous ou tres meses, e non por moito tempo, porque se non a volta é máis dura [ri]. Pero para o Nadal si que xa quería vir. A Noiteboa paseina en Fornelos e é aí onde teño a maleta, aínda que logo ando dun lado a outro. Amigos, familia, algunhas ceas... O tempo pasa voando.

-¿Son datas especiais estas para vostede? ¿Dálles importancia?

-Téñena porque son as datas nas que máis se xunta a familia, pero a maiores nun Fin de Ano morreu meu avó e iso aínda as fai máis significativas. Hai xente que te marca e queda para toda a vida. Por riba, onte [xoves] naceu en Málaga meu sobriño, o primeiro. Só somos dous irmáns. Polo tanto, o Nadal para min está marcado si ou si, para o bo e para o malo.

-¿Como ve Fornelos cada vez que volve? ¿Veo medrar?

-Para ser un pobo pequeniño con pouca xente, vai medrando. Está a casa da asociación e van facendo moitas cousiñas. Tampouco ten moito para onde medrar: a maioría da mocidade marchamos.

-¿E as súas ceas de Nadal?

-Comida en abundancia, como bos galegos, coma se se fose acabar o ano. E cos máis cercanos.

-¿Cales son os plans aquí en Galicia ata o día 2?

-Aproveitarei para ver amigos, estar coa familia e axudar na casa o que se poida, porque tamén toca traballar de vez en cando. Estou ben aquí, pero xa teño ganas de volver a Madrid, a darlle caña.

-¿Cre posible vivir de actor?

-Confío en poder facelo, a iso vou. Se funciona, moi ben, e se non, aquí a casa sempre a vou ter e tamén os meus estudos de Deseño Gráfico e Publicidade. Teño aí unha base á que agarrarme.

Para cotillas

-¿Turrón de chocolate, do brando, de améndoas..? Chocolate, sen dúbida, a morte e todo o ano [ri]. Encántame.

-É de viño? ¿Branco ou tinto? ¿Cervexa? Non son moito de beber alcol, pero se teño que elixir, branco.

-¿Carne ou pescado nestas ceas de Nadal? Son carnívoro, así que carne.

-¿E as uvas? ¿Na casa coa familia ou fóra? As uvas... Non as tomo dende que morreu meu avó. Todos temos as nosas rarezas e, como foi xusto ese día, Fin de Ano, non as volvín tomar.

-Unha homenaxe coma outra, dende logo. Si... Supoño que me pasará co tempo.

-¿E cando as tomaba antes? ¿Conseguía comer as 12? ¡Si! De feito collía sempre as pequenas, porque non tiñan pepitas. Esas son máis fáciles de comer e como contan igual por unha uva...

-¿Papá Noel ou Reis Magos? Gústanme os dous. De nenos eramos máis de Reis Magos, pero agora chegan regalos polas dúas partes. Foi cambiando. É como o tema de Halloween e Todos Os Santos.

-¿Pon árbore de Nadal? En Madrid este ano non o puxen porque era tontería. Non ía estar nada alí, pero normalmente si que o poño.

-¿Algún libro que queira ler en Nadal? O último libro que lin foi «El libro de los quizás». Non me desgustou, é un tanto así para xente coma min [ri]. Pero ter teño que ler «La Celestina»: estouno facendo para a escola, precisamente, así que esa será a miña lectura.

-¿Algún desexo para este ano que está a piques de comezar? Diría que cumprir todos os meus soños. Iso engloba xa varias cousas diferentes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«O Nadal para min está marcado si ou si, para o bo e tamén para o malo»