«Quero que guste a lectura dos meus libros, pero que tamén digan algo»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

«É difícil desprenderse da etiqueta de docente», di a ceense Concha Blanco, que sacou nova obra

27 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O prolífico labor literario de Concha Blanco (Lires, 1950) non esmorece co paso do tempo. De feito, vén de presentar na última edición da feira Culturgal, en Pontevedra, unha nova peza de literatura infantil titulada Macedonia de Versos. Unha curiosa compilación na que cada froita leva asignado un poema, pero tamén unha unidade didáctica, polo que o libro é perfecto para o traballo nas aulas. Non é un traballo alleo para a escritora, pois foi no seu día coordinadora e coautora de varios libros de texto.

Concha vén, ademais, de rematar un relato encargado pola Federación Provincial de ANPA de centros públicos de Pontevedra (Fanpa), que a homenaxeará o ano que vén e incluirá esta peza curta na publicación dos textos seleccionados no certame de relato curto que lanza a entidade anualmente.

-Un novo libro. ¿Leva conta dos que ten publicados xa?

-Debe andar polos cincuenta e tantos... Pero tampouco penses que traballo tanto! [ri] Non son eu moi boa facendo números, pero recentemente fun a Portugal por uns encontros e a rapaza que me presentou si que dixo a cifra exacta, que andaba polos 50.

-«Macedonia de versos» é o menú desta ocasión.

-Son 18 poemas. O primeiro é unha cesta chea de froitos, e no último aparece xa a cesta baleira. Por orde alfabético, e comezando pola ameixa, tratamos unha froita por poema.

-¿Típicas ou exóticas?

-Máis ben froitas de aquí, pero tamén incorporei algunha de fóra, como a banana ou o kiwi, porque me pareceu que o importante era coñecer a variedade. A intención é divertir aos rapaces dándolle vida a estes froitos, deixando caer os coñecementos ao mesmo tempo. En moitos casos aparecen os diferentes nomes que se lle dan en Galicia a ese produto en particular (á castaña, por exemplo, tamén se lle chama baloca), xogos que fan os nenos, festas gastronómicas arredor delas...

-Tamén é importante resaltar o nome galego para algunha delas, pois están moi castelanizadas.

-Efectivamente, esa é quizais a razón preferente.

-Hai un traballo importante detrás desta nova obra, pois os poemas teñen cadansúa unidade didáctica asignada.

-Si, ao principio era o libro en si mesmo, pero ao finalizar o editor comentoume que tamén podía facer unha ficha en conxunto para todo o libro, pero a min ocorréuseme facer unha para cada poema. Pareceume unha moi boa idea por parte da editorial: toda axuda é boa para os docentes e pódense sacar ideas para traballar cos nenos. Non está en papel, só na rede, e os profesores poden seleccionar o que queren empregar e o nivel de esixencia que queren poñer, en función da idade dos alumnos.

-E as ilustracións de Lidia Nokonoko, que tan ben acompañan o texto...

-Son boísimas. Eu non a coñecía, e vímonos por primeira vez persoalmente na presentación do libro en Culturgal, en Pontevedra, que se fixo cando o libro acababa de saír. Gústame como aproveitou as formas e o contexto para darlle vida ás froitas. Sobre todo a graza que lle deu á banana, co seu abrigo, a súa bufanda...

-Camiña moito cara a literatura cunha mensaxe de aprendizaxe bastante remarcada.

-É difícil desprenderse da etiqueta de docente. A alguén pódelle parecer unha eiva, mais eu o que quero é que guste a lectura dos meus libros, pero que ao mesmo tempo diga algo, e sobre todo nestas idades. Que se queden con algo. Penso que unha cousa non ten por qué estar en loita coa outra. A intención final non é que sexa didáctico, senón que os rapaces se afeccionen á lectura.

-Agora que probou coas froitas, ¿gustaríalle continuar con outro tipo de produtos?

-Teño un feito que me gustaría comezar a mover agora, que está centrado en oficios e profesións e no que fago referencia á literatura popular, posto que cada poema comeza cun dito ou cun refrán relacionado con ese oficio que se traballa. Hai un traballo importante de investigación e documentación detrás. Ultimamente estou facendo moito poema porque non teño todo o tempo que precisaría para escribir unha novela.