«Pedimos estabilidade laboral e reforzos pola velutina»


Jaime Villar Bellón (San Adrián-Ortigueira, 1975) é o responsable do GES de Ortigueira. Exerce tamén de voceiro dos sete GES existentes na provincia da Coruña, que comparten demandas, aínda que a situación difire moito ao depender os efectivos de cada grupo do concello base, ao que están ligados laboralmente. Os GES creáronse en agosto do 2013. «Primeiro existiran os GIR [Grupo de Intervención Rápida], desde 1997; despois foron os GEMIR e os GRUMIR. Estes últimos tiñan seis meses de actividade [co persoal contratado] e seis de parada.

-Malia as diferenzas, ¿cales son as principais reivindicacións comúns?

-A estabilidade laboral. O primeiro convenio, subscrito en agosto de 2013, foi por dous anos e medio, ata o 31 de decembro de 2015; o segundo, do 1 de xaneiro de 2016 ao 31 de decembro de 2018; e o que se acaba de asinar agora, do 1 de xaneiro de 2019 ao 31 de decembro de 2021. É o período do acordo que se asina coa Xunta, pero o Concello ten a potestade de rescindilo anualmente. Pedimos estabilidade, un contrato fixo, non estar pendentes da renovación cada tres anos.

-Hai casos nos que os traballadores viron a continuidade en risco ata o último momento.

-Onde hai problemas, normalmente, é porque entra a política. Iso xa depende de cada concello.

-Nos últimos anos reclamaron máis persoal, polo menos na época de actividade da vespa velutina.

-A nivel de persoal, hai uns meses, entre xuño e setembro, nos que se deberían reforzar as plantillas para afrontar todo o problema da velutina, da retirada de niños. Non é compatible co traballo normal de emerxencias, que no verán tamén se incrementa. Realmente, neses meses tes as emerxencias un pouco abandonadas, porque ou atendes unha cousa ou atendes outra. Necesitaríase persoal temporal específico para sacar os niños durante eses catro meses. Se non, estás dando un mal servizo tanto en emerxencias coma na retirada. Gustaríanos, polo menos, que a xente saiba que non estamos só para as vespas, porque te chaman dicíndoche que hai tres días que avisaron dun niño... Pero aquí xa ten pasado de estar nas Somozas sacando un niño e declararse un incendio nunha casa do Barqueiro (no outro extremo do territorio que abarca o GES); ou ter a xente da quenda traballando coas velutinas en Cerdido e recibir o aviso para unha excarcelación por un accidente de tráfico. E tardar en chegar, claro.

-¿Hai problemas co material e o equipamento dos grupos?

-O equipamento básico témolo todos, aos que lles faltaba dotounos a Xunta (coa excepción de Mugardos, pendente de recuperar a maior parte do material destruído por un incendio forestal en abril de 2017 en Ferrol).

-¿Teñen acceso á formación?

-Si, a través da Academia Galega de Seguridade, que organiza cursos específicos para os GES e outros compartidos con Protección Civil. A oferta é boa e o que non se forma é porque non quere. Quero destacar que en Ortigueira o Concello dá todas as facilidades para asistir aos cursos, non pon problema para coller os días e cubre os gastos. E iso non pasa en todos os sitios.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Pedimos estabilidade laboral e reforzos pola velutina»