Correr pola vida

CARBALLO

15 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

pasado sábado levábase a termo a primeira carreira contra o suicidio en Madrid. Pregúntome que motivo levaría a cada dorsal a correr polas rúas da cidade da Cibeles. Algúns faríano por simple inercia, outros para renderlle tributo a quen xa non está. Unha boa parte de corredores faríano pola súa propia conta, intentando matar por si mesmos os seus propios demos. O suicidio cálase, silénciase. Na sociedade semella que, como individuos, debemos estar predispostos ao éxito e a ser eternamente símbolos da felicidade ante o escaparate. Afrontemos que hai un tabú arredor do suicidio, reflexionemos sobre a opacidade das cifras en relación a este problema de saúde. En España, cada mes, trescentas persoas deciden acabar coa súa vida voluntariamente. Teñamos en conta que é a primeira causa de morte por razóns non naturais. É unha causa que non sae na televisión, que non se fala nas rúas máis aló do circunstancial e do anecdotario. Dos suicidios non hai campañas de concienciación (como no caso dos accidentes de tráfico), nin valos publicitarios que se vexan cando un circula pola estrada. E nin falemos de plans de prevención ao suicidio.

A única comunidade que conta con un é a valenciana, de libre e gratuíto acceso. Mentres, outros organismos, como a Consellería de Sanidade, seguen sen contemplar este grave problema nos seus orzamentos. Indirectamente dan unha mensaxe de pesimismo e decadencia.

Polo menos, a ver se empezamos nós. A identificar sinais de alarma nos que nos rodean, a pedir axuda se a precisamos, a falar sen eufemismos de algo que existe, que se debe verbalizar.

En parte, nas nosas vidas, metaforicamente, todos podemos correr esta carreira pola vida.