Chegar á xente

CARBALLO

09 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mércores, o Consello da Cultura Galega inaugurou na igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela, onde se atopa o Panteón de Galicia, a exposición Alba de gloria de Castelao. Unha experiencia. A mostra conmemora os 70 anos da lectura, o 25 de xullo de 1948 no Teatro Arxentino de Bos Aires, do que se considera o derradeiro gran discurso do rianxeiro. Tiven a honra de comisariar este proxecto expositivo que inclúe a lectura dramatizada do texto, unha recreación en realidade virtual dalgunhas das pasaxes do texto e moitos máis contidos.

Alba de gloria é considerada unha das mellores pezas de oratoria en lingua galega. Unha auténtica alfaia non só da lingua, senón da capacidade de comunicar. Castelao perfilouno coma se fose un ourive, empregando a coñecidísima Santa Compaña para contar a historia de Galicia e a moi arousán tradición das almiñas para falar dos humildes e do futuro de Galicia. A xente traballadora, labrega e mariñeira, adoraba a Castelao porque o entendía. E isto si que non é retórica.

Que político é, na actualidade, capaz de facer vibrar ás masas coa arte da palabra? Quen deles escribe a conciencia un discurso para que perdure na memoria das xentes como Castelao era quen de facer?

Son outros tempos, por suposto. Se cadra a palabra dada hoxe xa non sexa tan importante. Pero, a xulgar polo impacto que as vizosas imaxes de Alba de gloria seguen a provocar nos lectores, está claro que continuamos precisando que nos cheguen, coas palabras, ao corazón.