Sobreprezos

CARBALLO

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este xornal daba conta onte dun gran problema: a despoboación das zonas rurais. É un problema que afecta a esta comarca, pero incide en boa parte do país. Só se salvan as áreas metropolitanas das cidades, e ás veces, só nalgúns concellos destas. Co actual marco xurídico e económico vexo difícil que a cousa cambie.

Isto dá lugar a situacións surrealistas. Eu coñezo algunhas persoas en Carnota ou en Mazaricos, ou noutros sitios do país, que a partir das herdanzas víronse en menos de dez anos herdando cinco ou seis casas e, se cadra, corenta ou cincuenta leiras.

Quen coñeza algunha destas situacións sabe que non é ningunha risa: o asunto é máis ben a unha desgraza. As terras non urbanizables, nos concellos non leiteiros, non valen un can. E moitas casas vellas, incrustadas no medio de aldeas ou necesarias dunha gran rehabilitación, son inmobles de difícil saída. Postos a gastar cartos no rural, cando menos buscas ter onde aparcar o coche.

E logo está unha avaricia inevitable, derivada do feito de que os propietarios poden estar interesados en vender, pero non precisan os cartos para a súa vida diaria, así que teñen todo o tempo do mundo. Moitas casas teñen prezos inflados, á espera de que toque unha lotería, fagan unha Disneylandia ao carón ou descubran un pozo de petróleo na leira. Pero o cliente parvo que paga sobreprezos non existe: non hai xeques nin millonarios ingleses. O mercado inmobiliario do rural é unha burbulla sen estoupar. E ata que iso non cambie non hai moito que facer.