O xogo do futuro

CARBALLO

19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ooutro día falaba cun grupo de mozos ao redor de temas e figuras da cultura galega. Falamos de figuras clásicas do noso país, como Castelao ou Otero Pedrayo, de xente que fixo moitísimo, á que non lle chegamos á altura dos zapatos.

Xa vou tendo unha idade na que son quen de mirar a estas figuras esgrevias aos ollos: recoñezo os seus defectos, sei dos seus problemas vitais (os que están escritos e os que non) e por iso valoro de maneira máis intensa o que tal fixeron por Galicia. Non podemos entender o noso presente sen eles.

Pero na percepción dos rapaces novos, a memoria destas grandes figuras fica reducida a asocialos a unha determinada opción política e, polo tanto, a distanciarse deles. Escoito nesta rapazada -en moitos casos, os de mellor expediente dos seus centros- todos os prexuízos sobre Galicia, a lingua e a cultura do país que poden ter persoas que foran aínda educadas pola ditadura. É coma se corenta anos de democracia non tiveran valido para nada, e a fábrica de emigrantes seguira perfectamente engraxada.

É unha situación dramática porque nos afecta a todo. Asumir que non somos nada, como puidemos ver nas negociacións políticas do Estado. Entendo o cansazo mental de quen leva anos loitando no activismo cultural do país. Está claro que se fixeron moitas cousas mal, en moitos ámbitos. A cuestión é como afrontar agora o futuro cando xa se perdeu esta batalla (aínda que non nos atrevamos a dicilo). O futuro (social, económico, cultural, laboral) de Galicia está en xogo.