Arrecendos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

16 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño escrito algunha vez sobre os nomes das leiras e montes que se van perdendo. Ben, teño escrito eu douscentos máis, isto non é ningunha novidade. O raro é que eu xa llo noto (a perda) aos que teñen catro anos menos ca min na miña parroquia, e iso si que é preocupante, porque novos, novos, xa non somos nin eles nin eu. ¡Se ata me suxeriron facer unha visita guiada! Aquí, a Carula; alí, a Trigueira; aquela é a Milleira e detrás está a Telleira. ¡Esas cousas tenas que facer os vellos, en todos os lugares! Se non, non hai volta atrás.

Pero o tema non é ese, aínda que teña que ver. O tema son as herbas. Onte, diante da casa, na beira dun valado, ulín (eu digo arrecendín, outros dinlle cheirar a todo, sexa ben ou mal, hai que ver) a herba abelleira. Foi unha viaxe a 30 anos no pasado. Moita teño axudado a apañar para algunhas carnes, igual que nébedas e loureiros. E eses nomes si que se nos van definitivamente. Xa sei que dá igual para a maioría, que hai temas moito máis serios, pero no fondo dóeche que morra tanta literatura natural. Dille agora a un novo que vaia a por ruda, e sobre todo que a ferva e que saiba para que é. Nós aínda a temos, creo que medra soa para que eu a vexa e lle saque fotos, se non, non entendo. Dille a un rapaz que colla unha cana dunha canaveira e que a estone. E que lle poña unha cedenla. Pois en todas as casas as había. Moito me gusta velas alí en Olveiroa, de par do lavadoiro de pedra, á vista de todos. E escoitar como as move o aire, por riba. Tamén nos medran os vimbios, que xa non fan cestos como facían, pero os dos seus tataravós ben que resisten. Estes días aguantarán, un ano máis, de miles de espigas.