Velas no Obradoiro

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Confésolles unha cousa. Teño a sorte de traballar na praza do Obradoiro, e durante esta semana todos os días se me alegra a mañá nada máis entrar nela. Temos a praza chea de fermosísimas embarcacións mariñeiras e fluviais galegas, como se o Obradoiro se convertera nun dos eitóns das nosas vilas ribeirás e as barcas estiveran a descansar nos pantaláns e nas praias despois dun día de mar. E entre elas, hai unha gamela de Cabo de Cruz, unha dorna de Ribeira, un bote de Noia e unha buceta de Muros (e outra feita seica no Freixo). Así ata vinte embarcacións de Galicia.

Parabéns á Federación de Cultura Marítima e fluvial por conmemorar os seus vintecinco anos apostando por levar os mares e os ríos ao corazón do país.

A iso da media mañá, as embarcacións despregan as súas velas, e poucas veces teño visto o Obradoiro tan fermoso, porque as proas apuntan cara o Pórtico da Gloria, cara a estatua do mestre Mateo, e é coma se un vento imaxinario turrara por elas e a un lle entraran ganas de embarcar, subir as poutadas e navegar polo océano de pedra que é Compostela.

E de súpeto, o Obradoiro pasa de ser só unha parada para selfies de peregrinos a converterse no escaparate da cultura popular e milenaria deste país. E Compostela volve valer para algo máis que expedir compostelas e servir a Galicia.

A xulgar polo gran interese que espertan as nosas embarcacións nos turistas estranxeiros, levar Galicia ao Obradoiro debera pasar de ser algo excepcional a habitual. Vento nas velas!