Días pracenteiros

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

27 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O mércores conseguín escapar á praia de Aguieira e acabei como unha perfecta croqueta turística. Aínda que me protexera do sol baixo o quitasol, quedei durmido nunha sesta de profundidades abisais e cando espertei comprendín en pel propia que significa a rotación do sol. Resultado: teño un corpo bicolor e unha certa sensación de vergoña interna. Sendo 25 de xullo, aínda era o segundo día que fora pola praia. Unha semana antes, por pura teimosía, achegarámonos a Tanxil. Estabamos na praia rodeados dunha sombriza e fresca calima. O sol agachábase nalgunha leira borrosa do ceo e o mar estaba gris coma o ceo. Verán do país.

Son as miserias de tentar combinar traballo e verán, conceptos que se repelen como auga e aceite. Nunha zona como a nosa, na que a tentación (praieira) está aí fóra, o mes de xullo vólvese máis infernal, cos seus prazos límite, as súas urxencias (que deixan de selo en canto chega o 1 de agosto) e as xuntanzas, que coa calor se volven interminables.

Non se pode traballar do mesmo xeito no verán que no inverno. Eu, que chego ás vacacións canso como quen cruza a meta dunha maratón, defendería que o traballo no verán non se medira por obxectivos senón pola capacidade de pospoñer proxectos, coa sabedoría de que en setembro todo vai saír mellor.

Agora chega o momento das miñas ferias, tamén desta columna. Pecho o chiringuito en La Voz de Galicia para ir a sentarme nalgún outro, cun bo libro, boa compañía e ganas de pensar en días pracenteiros. Que o pasen ben. Lémonos en setembro.