O lince

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Hai uns días publicouse o caso dese lince ibérico que cruzou toda España de Portugal ata Barcelona. Ten moito mérito: o sentido da orientación axuda moito. Os taxistas veteranos contan como se movían entre Carballo e Xenebra cun mapa sinxelo e eu penso que xa me tolea desprazarme pola Coruña sen GPS. Creo que se nos atrofian certos sentidos, somos da xeración á que xa nos custa atopar o baño cando un local está cheo, mesmo preguntando. Vivín aínda a época na que moita xente andaba sempre entre parroquias, polo medio do monte, tamén cando xa era de noite, e non entendía como podían ir tan tranquilos por camiños e encrucilladas que levaban ao infinito na escuridade. Nunha situación similar, hoxe, hai 20 chamadas ao 112 e veremos como indicamos onde estamos.

Pero claro, un lince é un gato, xoga con vantaxe. Con todo, quería ver aos felinos de hoxe tamén na tesitura que se vían os de antes. O conto de levalos nun saco a un lugar de lonxe é un conto a medias, porque na nosa casa pasara. Anos 50, cargárono ata un lugar a 6 quilómetros. Aos dous días estaba de volta desconfiado, nada que ver como chegaban de ir á xaneira, que parece que foron á guerra, pero á de cerca. Hoxe algúns xa non queren nin sardiñas crúas, pídenas asadas. Pono a 400 metros da casa e xa te podes esquecer del. Tamén algunha vaca se perdía, e non volvía. Teño a teoría de que non regresaba adrede, que escapaba, porque saber, ben que sabían todos os camiños. Algunha botaba de menos a corte na que nacera, e logo vendérona. Víaselles a mirada perdida. A saber se algunha daquela fugadas, hai moito, deron con ela, ou só quixeron ver mundo.