A cara do IGE

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

08 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Con regularidade, o IGE vainos dano dando as novas estatísticas dunha morea de aspectos que nos caracterizan, que nos radiografan. Son como as análises que nós facemos de vez en cando nos mandan (cando queremos, menos), ou como eses papeliños que explican como está a auga de cada praia, chos de números e de abreviaturas que, como non sexas experto, apenas vas entender.

Os informes son necesarios, pero a miúdo chega con verlle a cara a un enfermo, ou pasear por unha praia con vertidos fecais, para ter unha información máis precisa que non require referendos profesionais. Estou tan afeito a ver os números do IGE, concello a concello, que xa me os leo con frialdade, con distancia. Os da poboación sobre todo: mortes, nacementos, crecemento vexetativo moi negativo... Xa non me impactan, aínda que deberían facelo (será a vellez). O que si me marca moito, e cada vez máis (a ver se van ser os anos tamén), como fixen estes días, é atravesar moitos dos nosos lugares e ver moreas de casas invadidas polas hedras. Non me vale que sempre as houbo: ben o sei. Desde a miña perspectiva, agora hai máis. O mesmo que anuncios de inmobiliarias de vivendas baleiras en venda. Xa o ano pasado vira moitas, pero xuraría que aumentaron. Ou a ausencia de nenos polas rúas, xa non a diario, que obviamente, mesmo os domingos, xornadas habituais de regreso das cidades ou doutros pobos. Antes había que circular con moito coidado, sempre aparecían un balón saltando, un neno correndo, paseos de grupos... Aínda que xeralizar é inxusto, creo que neste caso é lamentablemente real. Cada vez máis. Esas imaxes da ausencia, do abandono, si que impactan. Son o IGE con cara.