Tirar do mesmo carro


Ocolectivo profesional que traballamos no desenvolvemento local, normalmente en concellos, centramos a nosa actividade no ámbito operativo, non no estratéxico. Pero percibimos o lugar privilexiado no que nos atopamos para dar claves a quen toma as decisións en materia de políticas de promoción económica territorial. É por iso que, desde Afiprodel, intentamos achegarnos a experiencias que nos ilustren nesta materia. Neste contexto céntrase a viaxe á zona de Aldeias Históricas de Portugal programado con motivo do noso décimo aniversario.

Alí tivemos a oportunidade de achegarnos á evolución dun plan de desenvolvemento territorial impulsado desde instancias do goberno central hai uns 20 anos que tivo como piares o patrimonio cultural material e inmaterial de 12 núcleos con castelos. No momento actual estase desenvolvendo o plan 2020 enfocado ao crecemento verde e ao desenvolvemento sostible e intelixente que nace do territorio e complementa as accións anteriores.

Conta con tres eixos de especialización intelixente. Un deles céntrase na Investigación, o desenvolvemento e a innovación no turismo. Outro eixo vai enfocado á innovación rural, concretamente á valorización e á dinamización das cadeas de valor dos recursos endóxenos. E outro eixo está destinado á innovación territorial. Pola súa banda, os eixos transversais enfócanse na mobilización, a comunicación e a avaliación.

Ao igual que aquí, existen diferentes liñas de financiamento. Pero, o que conseguiron alí, foi que todas elas converxan na estratexia creada para a zona. Desa maneira non se perden esforzos e redunda no uso eficiente dos recursos sobre un territorio único de referencia. Isto fíxonos reflexionar sobre o que pasa en Galicia. Na Costa da Morte, por exemplo, solápanse varias estratexias. Temos un GDR para 17 municipios, dous GALP que o dividen e estase definindo un plan estratéxico para o xeodestino. Debemos loitar para que se definan plans únicos nos que converxan as achegas dos axentes locais e as axudas dos programas de instancias superiores. É posible e moi necesario que todos tiremos do mesmo carro e para o mesmo lado.

Votación
3 votos
Comentarios

Tirar do mesmo carro