Prioridades

La Voz

CARBALLO

01 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos leiteiros galegos díxoselles que, despois do sistema de cotas, a clave estaba na modernización e, endebedándose ata as orellas, modernizáronse coa mellor tecnoloxía. Resultado, no derradeiro especial Terra deste xornal, un gandeiro de pro dixo sobre o acordo lácteo: «Desgraciadamente, conozco muchos otros casos donde el contrato se hace de forma unilateral, donde el ganadero solo forma parte del proceso para firmarlo y aceptarlo, y en la mayoría de los casos con precios por debajo de costes». A isto chámaselle crónica dunha creba anunciada.

No sector agrícola galego hai dúas realidades, a verdadeira e a ficticia. O minifundio é unha realidade incuestionable, o que nos leva á ficción de pretender que haxa grandes explotacións en Galicia que poidan competir coas de Francia ou de Holanda. Polo tanto ese é o único elemento para a discusión da política agraria galega, xa que nin o sistema de Banco de Terras de Galicia (Lei 7/2007), impulsado polo BNG, nin a Lei 6/2011 de mobilidade de terras do PP, funcionaron, o que nos leva á conclusión de que hai que cambiar, radicalmente, as políticas de subvencións para que se prime ás pequenas e medianas explotacións e ás diminutas granxas familiares con dedicación parcial que, en boa medida, son as que sustentan os nosos mercados.

Pero, fagámonos esta pregunta: ¿que capacidade produtiva temos en Galicia? Practicamente todos os nosos terreos teñen dobre ou tripla produtividade que os da media nacional. ¿Por que, entón, unha boa parte deses 1.775 millóns de euros do Plan Galicia Innova 2020 non son actuacións no eido rural? Cuestión de prioridades.