O xigante borroso

CARBALLO

02 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte acompañei aos amigos da asociación Monte Pindo Parque Natural na presentación en Compostela do seu proxecto trekker, realizado coa tecnoloxía de Google Street View. Con el, vostede pode subir, desde o seu sofá, sen suar nin un miligramo, polos pedrugallentos sendeiros que levan ata o cumio do monte Pindo, a 627 metros de altura. Os afoutos voluntarios cargaron cunha mochila de 23 quilos coa que obtiveron fotografías a 360 graos de 160 quilómetros -si, dixen ben- de itinerarios paseables polo concello de Carnota.

Contaron unha anécdota que desde onte non me marcha da cabeza. No chan de Lourenzo do Pindo hai un famoso batolito granítico con forma de gordocho xigante formato don Pimpón (millennials, buscade en Internet a que me refiro). Os nosos montes están cheos de penedas caprichosas que espertaban a imaxinación dos nenos doutras épocas ao imaxinalas como seres petrificados. Hainas no Pedregal de Esteiro, o Home de Sagres, preto de Aguiño, ou no Pindo.

Pois ben, por cuestións legais, Google Street View esborralla todos os corpos humanos que aparecen nas fotografías. Cal sería a sorpresa dos voluntarios carnotáns cando descubriron que no roteiro publicado por Google o xigante da Moa e outras pedras con formas humanas aparecían tamén borrosas, como unha persoa de verdade! Non pensen nun editor gracioso: o sistema recoñece corpos humanos e fai un proceso automático. Pero ás veces, de xeito marabilloso, a tecnoloxía parece axudar a que as vellas lendas continúen vivas.