Os cancros

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

CARBALLO

14 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Co descubrimento de América chegaron a nós moitos produtos bos, como a pataca, o millo ou o cacao, agora integrados na nosa cultura e costumes. O que non se trouxo foi a árbore da coca da que os indios alpinos comían e comen as súas follas para mellorar o rendemento físico ou mitigar a fame e tamén para usos medicinais. O que si nos trouxeron algúns depravados foi a cocaína, que son cousas ben distintas. Coido que ao narcotráfico habería que aplicarlle a cadea permanente revisable e tamén ao latrocinio dos políticos.  Tamén nos trouxeron o tabaco que, segundo narraba un médico comisionado polo gran Felipe II, tiña propiedades terapéuticas, se ben no hospital da Barbanza é acusado de ser o principal causante dos cancros de pulmón na zona, polo que alarmados pola súa taxa de acrecentamento entenden que hai outros factores, como o amianto e o radón. Non serei eu quen defenda as bondades do tabaco, compartindo o parecer dos especialistas, pero os cancros, que nin se contaxian nin se herdan, son células sans que se rebelan e mudan espallándose descontroladas polos nosos corpos, por mor de moitos outros axentes externos velenosos. Pero, por experiencia propia, non teño ningunha dúbida de que a causa principal e a máis agresiva para a saúde en xeral, cancros incluídos, está na degradación alimentaria, e pode que esteamos diante dunha preocupante praga por mutación evolutiva dos propios alimentos, tema tratado no ano 2014 pola Axencia Internacional da Enerxía Atómica en Viena (Austria), onde 600 investigadores así o confirmaron, aínda que as súas alternativas tampouco me convencen.