Frigorífico

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

02 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Atopeime un amigo que non vía había tempo pola rúa. «Fun a Inglaterra a un enterro da nai da miña muller», informoume. Intereseime por se lle custara moito conseguir un voo a aquela cidade inglesa así tan de súpeto. «Non, en realidade xa o programamos desde antes do Nadal, cando lle viñera ben a toda a familia», contestou con naturalidade.

Ante a miña cara de abraio, el tentou explicalo: «A señora morreu nunhas datas malísimas, no Nadal, e había familia que non chegaba a tempo. Así que buscamos unha data que nos viñera ben a todos». Foi dicirmo e de súpeto lembrei, como nunha iluminación divina, o embalsamador sentado á porta do negocio no wéstern de onte e a serie Dous metros baixo terra. E comprendín: morrer no Reino Unido ou nos Estados Unidos é, sobre todo, un problema de axenda, e ante os problemas de axenda o mellor é ser prácticos. O morto conxélase cando aínda está ben fresquiño para que preserve as súas calidades, e logo xa con calma buscamos unha boa oferta de Ryanair.

A verdade é que alén da sorpresa que me causou non sei se a cousa me parece ben ou non. Estou pensando en que o costume (ou máis ben a ausencia de tal) resulta moi cómodo e ao final os funerais son cousa máis dos vivos que dos mortos.

Pero ao mesmo tempo, non me vexo explicándolle o asunto frigorífico e as súas avantaxes para a vida moderna a unha destas nosas vellas que xa teñen planificado ata o vestido que levarán con elas. De certo que me contestarían o que dixo aquela matrucia de Taragoña: «Como me fagades tal, volvo do outro mundo e asómbrovos».