O conto da erre

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Non hai tantos anos en que os métodos pedagóxicos non eran precisamente os que sobresaían nas escolas. Os que pasamos dos 45, ou dos 40, sabémolo de sobra. Témoslle cariño a mestres que nos ensinaron moitos, e grazas a memorizar e aprender con sentido aínda lle damos moitas voltas a quinceañeiros de hoxe, que teñen todo ao seu alcance, en mil temas: ortografía, números, historia, xeografía, natureza... Non é mérito noso, é daqueles profes.

Non, non había nada. Os que medraron nos 60 dirán que era peor, e teñen razón, pero os que o fixemos nos 70 sabemos o noso. «Nada» significa tamén preparación. Cursos de apoio, de orientación, de psicopedagoxía... Cando vexo que se protesta porque lle cae a un neno unha pingueira no pescozo, en fin...

Case como unha maldición divina, un que se apelida Garrido Rial medrou sen saber pronunciar a erre. Nas lecturas públicas, ou ao presentarse aos novos profesores, non quedaba outra: «Gaguido Guial».

-¿Cómo dices que eres?

-¡¡Gaguiiiido Guiiiial!!

Risas de todos, claro, os nenos son e eramos moi crueis.

Cos tartamudos, o mesmo.

Un día, unha profesora, Blanca Ávila (espero que non lle importe que a cite, é unha homenaxe a un traballo que fixo con máis) escoitoume de casualidade, colleume por banda e non me soltou en varias semanas, cun libro e un espello, ata que aprendín a mover ben a lingua, porque non é máis ca iso. A palabra chave foi arena: acabou en arrena. Aquel día cheguei á casa berrando «¡Garrido!». Pensaran que pasara algo. Si, un cambio irrepetible. Cantas Blancas fan falta na vida.