Ser muller non é un delito

Asociación Feminista Buserana TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

Sempre nos venden o Nadal coma ese tempo de confraternidade, de amor polos demais, de paz e bos desexos para todos e todas. Pero este Nadal en concreto vén de ser todo o contrario para mulleres que, de novo, foron vítimas do implacable e incesante machismo que nunca da tregua. En apenas cinco días, tres mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas. Outras, estas mesmas datas tiveron a «sorte» de manterse vivas pese ás agresións sufridas, cun aumento das cifras de violencia machista absolutamente preocupante e indignante.

Acoitelada diante das súas crianzas, apalizada e abandoada nas vías do tren coma unha mercadoría inútil, estrelada nun coche despois de facela entrar arrastrada polos pelos en plena rúa... Só son as tres últimas vítimas das 54 do 2017 e a dous meses da sinatura dun Pacto de Estado contra a violencia machista, que ía aportar solucións e remedios contra un mal endémico da nosa sociedade, e que sofren a diario mulleres sen más delito que selo. Porque nos matan por iso, polo feito de ser mulleres e como tales consideradas propiedade dos homes.

Ningunha lei de Educación contempla educar contra o machismo, porque realmente a nivel de Goberno non se considera que sexa un problema real, se acaso «casos illados» que as feministas se empeñan en visibilizar e dar a voz de alarma. Sen a educación dende a base, todo estará perdido. Os roles do patriarcado perviven nas novas xeracións e, polo tanto, as mulleres seguirán a sufrir desigualdade, discriminación e, o peor de todo, seguirán sendo asasinadas. Precisamos feitos concretos, implicación coas novas xeracións, protección real e non de «forma simulada» como aconteceu coas recentes vítimas, todas con denuncias previas que non serviron para mantelas vivas e afastadas dos seus asasinos.

Dende Buserana berramos, clamamos e esiximos por un pacto de verdade de toda a sociedade, pero especialmente dos gobernos que deberan lexislar contra o machismo, contra o maltrato e contra todas as violencias que leva aparelladas. Somos mulleres e iso non é ningún delito. O único delito é que non nos deixen vivir nin ser libres. Quérete e súmate contra o machismo! Asociación Feminista Buserana.