«(...) Na nosa casa, sendo tantos cativos, desenvolviamos a imaxinación facendo parodias e imitacións logo de observar á xente da rúa, na feira, nas festas e mesmo na nosa casa. Ao meu pai tiñámolo moi traballado, e aínda agora o recordamos facendo algunha que outra das súas frases feitas...»
19 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Nacín en Baio hai xa uns cantos anos, nunha década moi prolífica en acontecementos, a dos 60 (morte de Kennedy, chegada do home á lúa, maio do 68… , Beatles, Rolling Stones...) . Como dirían alí, son un «dos de Elías», referíndose á miña familia. Fun o máis novo de moitos irmáns... e seguín sendo o máis novo ata que naceron os meus dous irmáns pequenos (parafraseando a Les Luthiers, dende aquí a miña homenaxe ). Naquela época da miña nenez, no pobo non había moitos entretementos, non había televisión nin aparellos electrónicos. Xogabamos na rúa, e compartiamos vida e xogos cos demais nenos. En Baio Pequeno, onde eu vivía, eramos ó redor duns quince rapaces (moitos, vendo os que son na actualidade).
Nesta tesitura, a imaxinación era un instrumento moi importante á hora de divertirse e pasar o tempo de lecer, e na nosa casa, que eramos tantos cativos, desenvolviámola facendo parodias e imitacións logo de observar á xente na rúa, na feira, nas festas e mesmo na nosa casa (ó meu pai tiñámolo moi traballado… e aínda agora nas nosas reunión familiares, recordámolo facendo algunha que outra das súas máis habituais frases feitas…).
Eran uns intres moi divertidos, nos que calquera parte da casa ou da horta valía para improvisar un escenario, e penso que aí empezou a miña afección pola interpretación, sempre acompañado dos meus irmáns, aos que admiraba e dos que aprendía polo ben que o facían, sempre coa súa vis cómica. Non deberiamos esquecer o neno que todos levamos dentro.
Cada ocasión
A partires de aí aproveitaba cada ocasión que se me presentaba para facer as miñas incursións no mundo do teatro. A primeira vez que subín a un escenario tería uns oito anos, nas representacións que se facían polas Festas de María Goretti en Baio, da man do noso mestre Don Antonio, recitando poesías.
«Isto xa son palabras maiores, non é o mesmo que na casa, aquí hai xente mirando para ti!», pensaba eu. Pérdeslle o medo a subir á escena, empezas a collerlle o gusto a actuar en público e, aí está, «o gusanillo do teatro» que xa non me vai abandonar.
Algo máis adiante presentouse outra oportunidade, e non a desaproveitei, por suposto. Coa Asociación Cultural Labarta Pose, e Pepe de Valiña á fronte, volvín gozar compartindo escena cun grupo de mozas e mozos do pobo ós que un cativo de once ou doce anos admiraba polo seu ben facer enriba do escenario.
Cultura teatral
Esta é unha afección que perdura e que me acompañou ó longo da miña vida. Aproveitei, e aínda o sigo facendo, canta oportunidade se me presentou de participar en cursos de teatro, dobraxe, interpretación e formación do personaxe (recordo especialmente os de Roberto Cordovani, actor e director do Grupo de teatro Arte Libre, de Brasil), así como a lectura de textos teatrais e a colaboración nalgunha que outra montaxe teatral na cidade da Coruña, que me aportaron infinidade de vivencias, amizades e sobre todo cultura teatral.
Na actualidade, e dende hai máis de trinta anos vivo e gozo a miña afección dentro do Grupo de Teatro Badius, que para min é moito máis que un grupo de teatro, é unha gran familia, a miña gran familia de amigos, de moitos amigos, de moitas idades, de agora e de sempre, que compartimos unha paixón e unha ilusión -«rir e facer rir a todos os que nos acompañan»- e que son os que levaron a Badius a ser o que hoxe é. Dende logo para min ver cada sábado á xente que aínda estamos no grupo, ensaiar, falar, tomar algo xuntos… vén sendo unha terapia coa que desconectar da vida diaria e volver ao traballo cun sorriso, ese que ten unha das dúas caretas que representan ao teatro, porque Badius sempre foi e será sinónimo de comedia.