«Nunca se lle di que non a ninguén»

A. novo / m. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

CARBALLO

sande

Asegura que a entidade está aberta a persoas que sufran calquera discapacidade

23 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (Adisbismur) é a entidade que se encarga de asesorar, informar e ofrecerlle actividades lúdicas e formativas aos veciños da comarca muradá que sofren algún tipo de diversidade funcional, así como a usuarios da zona sur da Costa da Morte. Púxose en marcha no ano 1982, cando non había ningún outro colectivo na zona que traballara neste eido. Unha das súas pezas clave é Fina Lestón, que exerce de coordinadora e fala nesta entrevista da traxectoria de tan relevante entidade ata a actualidade, así como dos proxectos de futuro que teñen preparados.

-¿Como foron aqueles comezos de Adisbismur?

-A asociación naceu para darlle unha saída ás persoas con discapacidade da comarca, que estaban encerradas nas súas casas, sen formación, sen traballo, sen nada. Domingo Dosil, Ramón Sestayo e Vicente Abelleira foron porta a porta polos municipios de Muros, Outes, Mazaricos e Carnota para facer o censo. Lograron reunir un grupo de usuarios e empezaron a traballar. Ata hoxe, que somos 865 persoas.

-Partindo da nada, está claro que a evolución tivo que ser sorprendente...

-Moitísimo, tanto no número de usuarios como nos servizos que ofrece. Por poñer un exemplo, antes a oficina estaba na casa do presidente e percorríanse os concellos na procura de subvencións. A día de hoxe, a entidade ten dous centros especiais de emprego, un deles de carpintería e o outro, un viveiro de plantas; ten un centro ocupacional en Valadares (Outes) e leva a cabo un feixe de actividades deportivas, lúdicas e formativas.

-¿Cambiou tamén o perfil dos usuarios ao longo do tempo?

-Non, para nada, porque ao estar nunha comarca eminentemente rural o que facemos é darlle servizo a todas as persoas que sofren unha discapacidade. Non diferenciamos entre diversidade funcional física, psíquica ou sensorial. Nestes intres, no centro de Valadares, a maior parte son persoas con discapacidade intelectual, pero nas actividades de lecer participan todos. Nunca se lle di que non a ninguén.

-Un dos obxectivos é a integración dos usuarios no mundo laboral, ¿como se consegue?

-Pertencemos a Cogami, que conta xa cun servizo de integración laboral. Hai un orientador que se achega a Muros con frecuencia para entrevistar a xente e visitar diferentes empresas co fin de buscar a incorporación dos nosos usuarios. A cifra de empregos nunca é a desexada, pero sempre se vai conseguindo algo.

-¿Quen integra o equipo de profesionais que se encargan de prestar os servizos na entidade?

-No centro de Valadares temos unha fisioterapeuta, unha logopeda, unha terapeuta ocupacional, unha educadora social, monitores dos obradoiros de alfabetización e informática, e coidadores. Alí están traballando nestes intres 15 persoas.

-¿Ten o centro colgado o letreiro de completo ou quedan prazas vacantes?

-Quedan prazas privadas dispoñibles. No que respecta ás prazas concertadas coa Xunta, sempre estamos reclamando máis, pero son concedidas a contagotas, e iso que nós abranguemos un territorio moi amplo, pois temos usuarios de Outes, Carnota, Mazaricos, Muros e Noia. Nestes intres temos persoas desde 21 anos ata 64.

-¿Cales diría vostede que son os grandes beneficios dos usuarios de Adisbismur?

-Ter acceso a actividades tanto formativas como de lecer, transporte adaptado, rehabilitación, solicitude de axudas, reclamacións... Todo o que lle faga falla a unha persoa con discapacidade pode obtelo ou tramitalo a través de Adisbismur.

-¿Cambiou a forma de pensar das familias no tocante a recorrer a este tipo de entidades?

-Moito, pero queda algunha que aínda se resiste. Seguimos traballando con esas familias que seguen a pensar que as persoas con discapacidade están mellor na casa que fóra.

-¿Preséntase algunha novidade para o curso que vén de comezar?

-Si, imos facer unha nova actividade en Valadares, porque todos os anos tentamos introducir algo diferente. Plantamos centeo e trigo co fin de aproveitalo nos obradoiros de cestería e facer os sancosmeiros. Imos tentar completar o proceso, a ver se nos sae ben.