Un dos grandes problemas do sistema educativo que padecemos é que cae na reformulación continua dos contidos, procesos, organigramas, valores, criterios de promoción e innumerables ítems, que o conducen invariablemente á xestación dunha lei salvadora cada catro anos que o único que consegue é reiniciar os problemas e pospor as solucións. Para cando conseguimos adaptarnos aí nos vén outro alumbramento. Ademais, moitas destas criaturas legais soen ser monoparentais xa que deixan a moitos sectores implicados na educación ao marxe do enxendramento.
En contraposición, comprobamos que unha fortaleza común dos sistemas educativos con mellores resultados nos informes sobre a calidade educativa é a súa estabilidade, conseguindo que estes países conten con sociedades cómplices que entenden a organización e as normas educativas e provocan que todos os sectores se impliquen como actores no escenario educativo. En conclusión, o mellor motor para o avance da educación é a implicación de toda a sociedade.
Informe
Vén de publicarse estes días, un informe da OCDE que analiza as realidades educativas dos 35 países máis industrializados e no que España suspende cum laude, cunha das peores taxas de escolarización na Formación Profesional, un 12%, especialmente grave cos índices de paro xuvenil que sufrimos e cando hai evidencias de que a formación profesional é unha solución efectiva contra o desemprego xuvenil.
Este suspenso é tamén un problema de xénese. Non participa activamente a sociedade. No deseño da oferta de ciclos formativos, proposta formativa e demanda laboral moitas veces non coinciden. Cumpriría que na comarca, a sociedade, liderada polos poderes públicos, elaboren un informe completo da realidade laboral e empresarial, presente e futura, que sirva como base para, seguidamente, deseñar o mapa de ciclos formativos. Nin é fácil nin é difícil, é cuestión de vontade e visión para dar ás novas xeracións as oportunidades que ofrece a comarca e aos profesionais que a fagan progresar.