100 Exín Castillos

CARBALLO

11 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aveces custa seguir a trazabilidade das decisións xudiciais en materia urbanística. Cando pensas que un edificio ilegal vai ser derrubado de contado, pasan os anos e prescribe a decisión xudicial. Namentres a axencia urbanística leva a cabo unha demolición cada dous días, determinados propietarios arrodean con total impunidade a legalidade, protexendo a súa ilegalidade. Sobran exemplos para fundamentar esta tese: segue en pé o edificio Conde de Fenosa, na Coruña, con sentenza firme; os 52 chalés do Grove con licenza de hotel apartamentos; as torres xemelgas do club financeiro de Vigo ou o hotel Talaso de Oia; e a vida na urbanización Baltar de Portonovo transcorre con toda normalidade. Nada se sabe do ático de Muros, da nave de transformación de pedra en Rianxo nin do tellado dun establecemento hoteleiro en Noia, todos con sentenza firme. Tampouco se vai derrubar o Exín Castillos, que un hostaleiro monfortino construíu en plena Ribeira Sacra para a súa princesa eslovena (nin hai intencións), grazas aos contactos que presuntamente ten o propietario, grazas a maletíns cheos de documentos que os avogados presentan perante os órganos xudiciais.

O marco xurídico favorece estas danzas: exceso de normas (contraditorias entre elas), con sinuosos trucos que manexan os letrados para fuxir do seu cumprimento, pero tamén escasas as ferramentas -económicas e de xestión- que teñen os concellos nos que se delega o derrubo. Dá a impresión de que hai dous tipos de cidadáns perante a xustiza: os que dispoñen de recursos xurídicos (cartos) para se defender e os que se atopan indefensos.