Non me estraña nada que grandes libros, contos ou películas se inspiren no millo. No centeo tamén, pero agora, ¿quen bota xa o centeo? Ademais, ¿que novela épica podería ambientarse entre as fabas do riñón ou as patacas kennebecs? Imposible. Millo, sempre. De espiga ou de silo, as leiras están cheas por todas partes. Cada vez é máis alto, pola selección natural. Como a xente. Chegará un día que os pés medren tanto que parezan eucaliptos. Será aínda máis fascinante moverse polo medio del. Ninguén fala disto, ninguén o recomenda, non hai libros que o aborden, pero para navegar no corazón de Galicia unha das mellores cousas é atravesar polo medio unha leira grande de millo.
Andan agora os xabarís comendo e tombando moito millo por Bergantiños e por outras zonas. Sempre houbo, pero isto vai a máis. Leiras e animais. Aínda hai quen os confunde co porco teixo. Nada que ver. Estes actúan sobre todo cando a planta é pequena. Aló por xullo hai que andar tornando neles. Lembro levar caldeiros baldeiros de pintura cun pau e darlle vareadas, tipo percusión, para espantalos. Cando facía iso, imaxinábaos a todos agochados detrás da herba, a uns metros, vixiantes, esperando a que marcharamos e tapando os ollos polo ridículo que sentían de nós. Unha especie de Vecinos invasores, como na película.
Cos pés grandes xa tocaba espantar aos xabarís. O de poñer radios acesas toda a noite fora unha revolución, pero visto hoxe en día parece algo pintoresco. Unha vez crucei a agra da parroquia ás 3 da mañá, por curiosidade, e escoitei a cachos tres cadeas distintas. Nin para elixir programa había maneira de poñerse de acordo! Creo que os xabarís comían menos millo onde escoitaban a música.