Vellos cazadores

Miguel A. Mato O LECTOR DO PARAÍSO

CARBALLO

As pozas baixo o luar parecen espellos. Podes ver nelas as estrelas», dicíame un dos vellos cazadores da Trabe. Aquí sempre houbo sempre cazadores que agardaban ao lavanco de noite, nos xuncais de Tella, na Várcea de Anllóns, nos lameiros de Langueirón. Os vellos cazadores da Trabe aparecían polas tabernas cando os clientes ían marchando. Entraban e arrimaban ao mostrador co acougo de quen chega canso e satisfeito, o seu ánimo cheo de cousas que só eles podían sentir. Pousaban as pezas e a escopeta e, silenciosos, bebían viño en brancas chávenas, mentres o taberneiro agarimaba as plumas rizadas do lavanco ou as orellas da lebre, a agardar que o cazador contase de seu.

Ao anoitecer, mentres se van indo as últimas luces dun día de inverno, e ollas o voo da garza na procura da súa querenza e escoitas o acedo berro das polas de auga, percibes un intenso recendo a xunqueira, a tarai, a fango. Un coñece e ama este recendo. O mesmo que ama a soidade na escuridade da várcea, e intenta inutilmente explicalo, a procurar as palabras cumpridas que o expresen. Antes xa o tiña lido en Castroviejo, nos poetas rusos e polacos que cazaban as arceas ao axexo. Nos versos dos poetas melancólicos e infinitos e tristes, amados polo cazador do Ulla. Eses relatos reviven agora, na hora crepuscular. Levas a escopeta na man como un libro de Constantin Balmont, o poeta esquecido que de neno lía Pushkin. Do outro lado das pequenas lagoas, sobre o fondo do mato, albiscas a brasa do cigarro do teu compañeiro. Fuma na agarda dos lavancos, coa paciencia de quen aprendeu nesoutro libro venatorio dos invernos. Os vellos cazadores da Trabe falaban como ninguén sobre o monte e a caza. Contaban decote as mesmas historias, e cada ano, a lebre aquela da agra do Couto brincaba diante dos cans cada vez máis lonxe do cazador que a abatía entre os coleiros na linde do xungo. E as becacinas da agra de Tella cada ano voaban máis altas contra un ceo de néboa fechada. Hai unha casa na que, detrás da porta da cociña, aínda penduran a escopeta e a cartucheira, que ollamos calados e ausentes, cada vez que a visitamos, como se dentro de nós aniñaran aqueles invernos que se abatían sobre os vellos cazadores, longos e ouveantes.