«Santo Hadrián e un santo vingativo, por iso ninguén blasfemaba del nin saían ao mar o día da súa festa». Tal era así que houbo un crego que quixo achegar a ermida á vila. Ata mercou un terreo no Canido, a rentes do mar. Estaban iniciadas as obras de escavación do pozo de auga cando ao cura lle deu un ataque e del foi para cemiterio. Seica ocorreu polo 1947. A muller que vendeu a finca tampouco tardou en morrer e a Igrexa incluso acabou perdendo o preito polo terreo. É unha historia que conta Xelucho Abella Chouciño na seu libro Fuxiron por mar, unha novela con grandes filóns de ensaio. Ben sendo un traballo dun home sabio, que foi seminarista, filósofo, xogador de fútbol, entendido de temas do mar e da vida, profesor e, sobre todo, boa persoa, que tamén vale o seu. Fuxidos por mar non só é a historia dos homes que querían eludir a traxedia do 36. É un traballo cheo de sabedoría no que o autor fai unha profunda reflexión sobre o comportamento da Igrexa na contenda civil e o principio esquecido de «onde hai caridade e amor, alí esta Deus». Un dos seus personaxes, sacerdote, temía que «unha España católica fose menos cristiá ca unha España laica», unha frase que dá a medida das lúcidas reflexións de Xelucho. As desventuras dos perseguidos aparecen con grande realismo. Tamén as viste con traxes de antropoloxía e historia local. Os mariñeiros non contaban historias de cregos nin de raposos antes de saír ao mar porque eran de mal agoiro. Aquí, en vez de sereas, hai homes peixe de feitura semellante aos cristiáns, só que cubertos de escamas e aletas. Eran tan bos que cando os mariñeiros se distraían enchíanlle as chalupas de luras. En fin, é un libro no que hai que aguantar a mirada nobre de homes que acabaron en lugares como Mauthausen e nunca volveron.