Cativa oferta turística

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

Despois duns cantos anos nos que as autoridades calaban e moitos axentes do sector preferían mirar para o outro lado, parece que por fin o mundo do turismo rural se atreve a facer autocrítica. Xa non é só recoñecer publicamente que boa parte das casas se crearon basicamente para aproveitarse do investimento público, senón, sobre todo, a analizar os grandes problemas do sector real: falta de profesionalidade, e a sensación de que a casa é unha «illa» no seu sector, de que non hai nada que facer fóra dela, en parte polo desamparo creativo na promoción do rural. E o turista, aínda que se diga a si mesmo que vén a descansar, en realidade sempre quere facer algo.

Vou a Francia con moita frecuencia e a min me sorprende como este problema está resolto alí. Saben como? Pensando nos nenos.

As comarcas do campo francés combinan as visitas culturais cunha programación específica para familias e nenos. Sempre hai un «parque xurásico», sempre unha tirolina na natureza e os monumentos contan con actividades familiares específicas. E os restaurantes: desde que manteñen os menús do día a fin de semana ata que dispoñen de menús infantís claros.

Hoxendía, os nenos son os principais decisores dos destinos turísticos, non esas parelliñas solteiras ideais que sempre nos aparecen nas promocións dos destinos.

No noso litoral, o verán está asegurado porque a praia dá vinte voltas a calquera parque, pero no inverno? Sabemos realmente que ofrecerlle ás familias no inverno? Pensemos nos nenos, e os maiores virán atrás deles.