«Un nunca é xeneroso suficiente, así que non está mal que un premio cho recorde»

v. r. / p. b. m. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOÁN A. SOLER

Ramón Villares, académico e presidente do Consello da Cultura Galega, completa o elenco de galardoados este ano pola Fundación Pondal

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Villares, académico e presidente do Consello da Cultura Galega, completa o elenco de galardoados este ano pola Fundación Pondal. É un premio que recibiu con «sorpresa» e, polo tanto, aínda máis grato o poder recibilo. «Non sei ata que punto se pode un considerar Bo e Xeneroso. Creo que Pondal pensaba en xente moi excelsa cando puxo este verso na letra no himno, pero, en fin, eu non vou dicir que non», comentou en Radio Voz. Non son unha nin dúas as veces que Villares pasou polo Couto, ao que atribúe un traballo de «dinamismo cultural e activismo integrador e inclusivo», sempre cun norte, Pondal.

-É unha responsabilidade.

-Si, si, si, aínda que eu creo que é máis fácil ser xeneroso que bo, por máis que o máis común sexa non ser xeneroso. Ser bo obríganos a moito: boa persoa, bo no oficio, no traballo, bo patriota... Ten moitas acepcións. Ser xeneroso eu enténdoo con ser comprensivo cos demais. Na medida do posible practícoo dende neno, aínda que un nunca é xeneroso suficiente, así que non está de máis que un premio así cho recorde.

-¿Que relación garda vostede coa Fundación Eduardo Pondal?

-Moi boa, colaboramos algo dende o Consello da Cultura, é unha relación máis ben persoal. Tiven o gusto de ir no 2015 facer unha intervención sobre Pondal, bardo céltico, e reencanteime con Pondal. Obrigoume a reler moitas cousas del. É o gran poeta do Rexurdimento. Tamén está Rosalía, certo... Segundo os críticos hai onde escoller, pero eu creo que a forza telúrica e épica de Pondal é única. Ten moita paixón pola historia e por buscar un pasado mítico para un país que non sabía cara onde ía.

-Poida que teña un simbolismo especial que vostede sexa clave na elaboración do Itinerario do Rexurdimento, neste centenario.

-Si, si. Creo que o Rexurdimento foi unha fantasía, realmente. Que unhas cantas persoas, naquelas alturas, fosen capaces de pensar Galicia e de buscarlle un futuro...