Elas, sempre

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido FACTOR HUMANOPICO DE MEDA

CARBALLO

Nun día como o de hoxe, os textos sobre a muller traballadora escóitanse e lense por todas partes, como os paxaros que xa empezan a vir para as ventás ventando o cambio de tempo e asubían sen parar polas mañás. Está ben que nos repitamos con estas cousas. Eu fágoo moito: repetirme, e sobre todo con estas cousas. O primeiro, a veces de maneira inconsciente. O segundo, consciente absolutamente. Sempre conmemoro o día da muller traballadora, que son todos os días. Para min é a imaxe da muller rural, do lugar onde temos o que somos, como para outros será a camareira, a médica, a redeira, a vendedora que pasaba 14 horas na tenda, a que segue indo ás feiras e todos os domingo se ergue ás 6.00 e non esperta aos fillos para que descansen, non coma ela, que a sacaban da cama ás 5.00 e tiña que facer unha morea de quilómetros para sacar uns pesos.

Para min, todos os días (vai no pensamento, cada un pensa no que quere) son os das mulleres traballadoras. Esas con ciclos formativos superiores, aprendidos a distancia e na cercanía: son labradoras, gandeiras, cociñeiras, costureiras, menciñeiras, fiadoras (de liño), afiadoras (de coitelos e gadañas e fouciños e fouces coa pedra da moa que valía para todo). Lavadoras tamén na pedra, e sementadoras de canto gran hai. Aloumiñadoras de males alleos, nunca dos propios. Da súa xente, e dos males dos animais. Cantadoras ás veces, as menos veces. Contadoras de historias e de contos, os que nos quedan. Limpadoras, portadoras de todos os pesos, non só os das cinco pesetas. Andadoras, loitadoras, negociantas. E todo isto, na mesma muller. Todo en un, todo en unha.