Asunción

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Din que, despois dun grande alude, a terra queda en silencio, inmóbil, calada despois de tremer. O pasado 30 de decembro, Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños, emprendeu unha viaxe. Tiña que ser, pero non. Mais foi, e xa non queda outra. Emprendeu unha viaxe lonxe ou longa, ou iso se conta, coma esas que non tivo oportunidade de facer en vida, porque eran situacións distintas as que lle tocaron. Porque, como ela tiña dito en tantas ocasións, nacera antes de tempo. Tamén é certo que ás veces non son precisas expedicións para ter unha mente aberta ao mundo, para ter o propio mundo metido na cabeza. Era o caso da Rexoubeira. A morte de Asunción foi iso mesmo, un alude, sobre todo para aqueles que teñen estado preto dela nos últimos anos, ou para aqueles que sempre o estiveron. Os seus amigos. A terra tamén quedou en silencio. Tiña que ser, pero non. A Asunción queríaselle -quéreselle- porque toda ela falaba, porque nesa súa voz xuntaba todas as voces do mundo, o son das montañas. Xuntaba a sabedoría da humildade para deixar para a historia frases que non se estudan, que só eran dela. Vai xa un mes sen a Rosalía bergantiñá, sen ela fisicamente, pero cómpre esperar que a súa obra se protexa, que a súa figura se difunda, que a terra lle agradeza a súa forza, a súa vida, a súa loita. Asunción soaba dun xeito tan grande coma esas landras pequenas que caen e petan no Bosque do Añón cando ninguén as ve, mandando aviso ao universo. Ela xa non acode ver as leiras, o verde de Segufe, como lle gustaba facer. Ou quizais si, porque Asunción é unha desas melodías que seguen batendo na alma una vez que rematan. Tiña unha mirada eterna. Ela era así. Era ela. 

JOSE MANUEL CASAL