«Estamos nun momento de inestabilidade de prezos»

La Voz

CARBALLO

Ana Garcia

15 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Melchor García Iglesias (Montemaior, 1971) comezou traballar na cooperativa Coreber o mesmo día da súa fundación, en xaneiro de 1999. Iniciou ou seu labor como técnico e na actualidade é o xerente e un dos artífices da compra de Celega.

-¿Como valora esta adquisición?

-Creo que é algo moi bo para a cooperativa porque o que buscamos é garantir o futuro dos nosos asociados.

-Sobre todo polo momento convulso que atravesa o sector.

-Estamos nun momento moi complicado con inestabilidade nos prezos do leite en orixe e nun sector tremendamente competitivo.

-¿Que é o que máis se valora en Coreber deste acordo de compra?

-Ademais de garantir dalgunha forma o relevo xeracional nas nosas explotacións, tratamos de expandir o noso negocio. Queremos ampliar mercados e clientes e cremos que o logramos coa compra de Celega.

-¿Aínda estando suxeitos a unha cláusula de confidencialidade, pode asegurar que non existe risco nesta inversión?

-Fixemos moitos números, houbo varias asembleas, solicitamos un crédito para facer fronte á compra, pero os riscos están calculados. De feito, a nosa idea é amortizar este préstamo antes de que se produza o seu vencemento.

-Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto forman un novo grupo. Vostedes e Lemos compran Celega. ¿Estase a producir un proceso de concentración de empresas no sector?

-Si. Este proceso é evidente e cremos que seguirán as compras e as fusións.

-Teñen intención de impulsar novas fusións ou compras?

-Non, polo de agora está ben así.