«Os cestos antes usábanse moito, agora é só para recordar máis ben»

La Voz

CARBALLO

Ana Garcia

Jaime Gagino volverá hoxe a Dombate para ofrecer un taller de cesteiría. Tamén hai unha exposición

08 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O cesteiro Jaime Gagino está estes días no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Alí, entre as 10.30 e as 14.00 e entre as 16.00 e as 18.30, as persoas que se acheguen poderán ver unha pequena exposición e máis tamén incluso traballo en directo: «Alí fago algo, uns cachiños», contaba onte o artesán. Di que estes días non se viu moito movemento, porque é unha ponte «moi rara», con xornadas de traballo polo medio dos festivos. Aínda así, algo hai.

O traballo de cesteiro xa non é hoxe cousa de necesidade. Como di Gagino, «eu agora téñoo como hobby». Para non perder a práctica. Non hai tampouco rapaces novos que parezan querer meterse ao oficio. Máis ben son maiores. Jaime vai por exemplo ensinar ao centro de maiores de Cabana: «Os cestos antes usábanse moito, agora é só para recordar máis ben: millo bótase pouco, patacas...». Polo tanto, aquela necesidade que ten habido desapareceu: «Úsase máis plástico».