Grande dirección e interpretación: teatro

josé maría de la viña varela

CARBALLO

«Non podo menos que agradecer o estupendo anaco de tempo que me fixeron pasar». Crítica de Metatarso Teatro con «Sueño de una noche de verano»

24 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Mesmo o seu título é fermoso. Eu son un home de ciencias, e por riba con pouca memoria; así que non lin tódalas obras de Shakespeare, nin de ningún outro dramaturgo. E aínda que o fixera, como vos acabo de dicir, non me lembraría. Pero si razoo, e coido que ben. É a miña defensa, señoría. E falando da obra de hoxe, os críticos serios din que esta é unha das obras máis coloristas e chea de humor do insigne inglés, aínda que ateigada de personaxes nun mundo de fantasía.

Resulta complicado, para unha persoa coma min, lembrar quen é quen. Con tantos nomes non sabes se este arbusto xa o viras antes ou é novo neste bosque espeso e intricado. Con textos así, ás veces imaxino unha obra de teatro como un mar de palabras, como un océano de letras, entrelazándose, interactuando; violentas como as ondas, ou pacíficas como os silencios interpretativos ou as conversas intranscendentes. Tamén é verdade que as ondas prodúceas o vento, e as palabras o autor, ou acaso o director da versión. E así empurradas por estes ventos, as palabras soben e baixan e empúxanse con maior ou menor paixón, deixando tras súa ás veces a escuma do humor ou o frío da traxedia.

No noso caso, o director de hoxe, Darío Facal, optou por unha escenografía moderna, simbólica, cambiando os decorados por imaxes suxestivas. Imaxes con sabor clásico: gravados de enciclopedias decimonónicas, flores de libros sobre vexetais, debuxos lineais de columnas gregas (porque na Grecia clásica transcorre parte da acción, pero tamén para suxerir antigüidade), ilustracións de corazóns... E o frondoso bosque albiscámolo con aquelas tres pequenas árbores, chantadas alí no medo do escenario que parecían adornos; os animais da fraga, por raposos momificados. E a choiva de arroz, e a brétema, e a lúa chea... A obra é a obra, si: velaí o que dixo Shakespeare. Só resta vestila ó uso moderno, á moda de hoxe, para que sexa máis asumible ó respectable, e tamén para aportar unha nova estética, unha nova visión do conxunto. Forcemos a nosa imaxinación. E iso foi o que fixo Darío.

Mais a peza é complexa: dúas ou tres historias entrelázanse. E entre as ondas-palabras, os nomes dunha morea de personaxes. Para axudarnos na súa comprensión, e coa perfecta escusa da modernidade, un letreiro luminoso guíanos na escuridade da comprensión: Atenas; nas aforas do bosque... Tódolos ventos teñen o mesmo problema: interesar ó público; ben cun texto engaiolante, feiticeiro, xa coas muletas engadidas. É a linguaxe escénica. Por iso pode que haxa tantos Soños dunha noite de verán como figuras de folerpas de neve, que dis que non se repiten dúas. Todas son o mesmo con diferente roupaxe. Para disfrazaren o adusto sabor das frases en verso, os actores esfórzanse en interpretacións brillantes (e fórono), cunha mobilidade asombrosa.

Merecería un falar aparte este proxecto de (magnífica) interpretación, empeñados eles en nos distraer; mais non teño espazo; se acaso un aplauso para Puck, o anano-fauno. Logo de semellante liorta que se armou nos cambios amorosos, ó remate, vólvese á situación de normalidade, de maior xuízo, facendo ver que todo foi o soño dunha noite de verán.

Tódolos recursos son benvidos: ó entrar déronnos unhas gafas de 3D para, nun momento dado ante certas diapositivas, se as poñemos contemplamos ós intérpretes mergullados entre as liñas dunhas imaxes en aparente releve. Como un reforzo que nos introduce no seu mundo máxico. Shakespeare, non podía utilizar este recurso, claro está, mais inventouse unha peza de teatro dentro do seu teatro. Un teatro esaxeradamente rudimentario, simple, que máis ben é unha parodia do mesmo; cunha linguaxe infantil, desmedida adrede. Pero aínda con todo, mergullámonos nun mundo fantástico, case de fadas. E deste xeito, todas estas cousas remexidas son, constitúen, o prato que debemos degustar os comensais alí sentados. E a uns gustoulle e a outros non tanto. Como sempre.

Eu vin teatro. E unha grande dirección, apoiada por unha interpretación excelente, superando os retos enormes que tiveron. Polo que non podo, por menos, que agradecer o estupendo anaco de tempo, que me fixeron pasar. Foi difícil; non é unha obra doada. Se á palabra teatro e á palabra música, lle engadimos a palabra clásica, digamos que aparece un plus de dificultade, á hora de dicir: gustoume. É necesario, pois, educar en palabras, ensinar ós nosos padais, se queremos saborear e distinguir.

O teatro non é só rir, senón conseguir apreciar o valor de determinadas expresións, os significados medio ocultos de certas estéticas, enxergar as mensaxes intelixentes agachadas na peza, na historia. De ser capaces de marabillarse, sentirse somerxidos e arrolados por esa historia máis ou menos fantástica. Por iso cómpre educar a nosa sensibilidade, vendo moitas obras, e sendo esixente na súa comprensión. Boas noites, boa xente.