Partículas elementais

Suso Bahamonde IN MEMORIAM

CARBALLO

Alan, onte había ensaio, ¿sábelo cabrón? E o mércores tiñades concerto e eu ía recitar un poema con vós. ¿Lembralo?

Hoxe maldigo, hoxe maldigo porque xa non estás. Maldigo, porque nas rúas da Costa non soa hoxe rock and roll. Tan só un reguetón absurdo do que tanto nos ríamos. Tantas noites, tantos intres.

E hoxe non houbo amencer na costa. Tan só houbo unha colisión de estrelas de neutróns á inversa, que trouxo escuridade e silencio, en todos os recunchos desta terra húmida.

Por que quero que saibas o oco que acabas de deixar. Nin unha explosión nuclear no centro desta maldita costa deixaría un baleiro tan grande. Somos moitos... somos un exército de seguidores os que quedamos orfos de ti. Está o Leo, e o Abel, e Eloi, e o Angelito, e Jaky, e Luís, e o meu irmán e, como non Xun,... e tantos, tantos... todo este enorme batallón de amigos, compañeiros, camaradas e fans que xa nunca volveremos a escoitar a túa poderosa voz, pois tiñas un diamante en bruto na túa gorxa. Botaremos en falta o teu intelixente, soc arrón e irónico sentido do humor. A túa presenza magnífica, como un astro rei que enchía calquera tugurio de luz e estrelas. Pero sobre todo, quero que saibas, que o que máis botaremos de menos, por riba de todas as cousas, será o amor. O amor que saía por cada poro do teu corpo. Por que o amor viña impreso no teu ADN como unha marca rexistrada. Sempre estabas aí para nós. Sempre estabas aí para todos: Se había un concerto estabas aí. Se tiñas que colaborar con poetas estabas aí. Se había que prestar o equipo musical estabas aí. Se había un acto solidario estabas aí. Se necesitabamos unha palabra, ou unha aperta, estabas aí.

Sempre estabas aí. Sempre. O teu sitio natural era enriba dun escenario, pero nunca esquecestes subirnos a nós contigo.

E agora marchas. Marchas sen avisar. Humildemente. Impactándonos nos osos, deixándonos tr emendo de frío. Marchas así, sen marchar. Sen marchar nunca... porque sempre estarás. Estarás en cada canción que soe nun bar. Estarás en cada nota desprendida duha guitarra. Estarás nos grupos de Rock, si, só de Rock, que se formen neste planeta. Estarás en cada redobre de batería. Estarás en cada letra, en cada verso, en cada bico que medre nesta esquecida costa.

E estarás sempre... estarás porque somos partículas elementais. Nunca desaparecemos. Tan só mutamos para habitar novos corpos, novos disfraces. Ti habitarás por sempre en nós. Sempre estarás aquí, porque a pesar de todos os golpes que a vida che ofreceu, ti tan só tiñas amor para nós.

Hoxe maldigo tanto, e a vez quero tanto á vez... porque ti mo ensinaches.

Alán, onte había ensaio...

Somos fráxiles como especie... de nós.

Non perdades o tempo.