Unha vez rematado o denominado tramo un da autovía da Costa da Morte xa toca ír pensando en clave de futuro
24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Unha vez rematado o denominado tramo un da autovía da Costa da Morte xa toca ír pensando en clave de futuro.
-¿Para cando o tramo ata Berdoias?
-Ata Berdoias e continuando. Forma parte da planificación seguir facendo por tramos, e que se poidan pagar. Dende a Xunta de Galicia temos moi claro que se ampliará a autovía mediante a vía orzamentaria. O que fai viable este tipo de actuacións é facelos por tramos e en función das dispoñibilidades orzamentarias. Pero agora toca traballar. De feito xa se está a traballar na planificación dos seguintes treitos. Primeiro ata Berdoias e, incluso, de chegar no seu momento a Cee e Fisterra como estaba planificado nun primeiro momento.
-¿Haberá algún tipo de radar neste tramo un autovía?
-Este tipo de cuestións son competencia da Dirección Xeral de Tráfico. Nestes últimos días responsables de Tráfico estiveron na autovía analizando cuestións de seguridade. Dende a Xunta e dende a empresa concesionaria soamente podemos dicir que nos poñemos a disposición en todo aquilo que serva para mellorar e garantir a seguridade na autovía da Costa da Morte e dos seus usuarios.
-¿Continuarán as obras de mellora na AC-552 cando entre en servizo a autovía?
-Si claro. Como Administración temos que garantir a seguridade en todo tipo de viais nos que temos competencia. Ata o de agora leváronse a cabo traballos de mellora e continuaremos coas actuacións precisas para ter a estrada AC-552 sempre lista para todas aquelas persoas que a empregan nos seus desprazamentos. Iso non vai cambiar.
-¿É viable a supresión das peaxes na autopista AG-55?
-A ninguén lle gusta as peaxes. A min tampouco me gustan as peaxes. Pero este Goberno foi o primeiro en aplicar bonificacións importantes de ata o cincuenta por cento, en caso de que se fagan dúas viaxes no mesmo día. Tamén logramos en tres anos manter as tarifas e, incluso, este ano logramos reducilas. Pero tamén hai que lembrar que a Xunta de Galicia ten competencias en materia de Sanidade, Educación, Traballo e Política Social, entre outras. Liberar de peaxes á AG-55 supón un investimento de 235 millóns de euros en todo o trazado. E tamén hai que dicir que para meter nun lado hai que sacar doutro. E creo que o primeiro é garantir os servizos públicos básicos aos cidadáns. O que si podo dicir é que desde o Goberno da Xunta continuarase impulsando as políticas de bonificacións e de reducións das peaxes na autopista AG-55.
«A implantación de radares na autovía é competencia da Dirección Xeral de Tráfico»